O Concello de Lugo fixa criterios para regularizar as altas de auga e autoriza un hotel de 43 prazas na praza do Ferrol

LugoXa
O Goberno local tamén aproba as bases para alugar dous locais municipais na Tinería, a primeira fase do centro deportivo de San Fiz e o proxecto da ordenanza de Lugo Aluga
Xunta de goberno local lugo novembro
16 Nov 2026

A Xunta de Goberno Local de Lugo aprobou unha instrución municipal para establecer os criterios de regularización das altas e dos consumos de auga en vivendas que non dispoñen de primeira ocupación. O documento fixa diferentes procedementos en función da situación urbanística de cada inmoble e das circunstancias de cada caso.

As persoas que queiran solicitar a alta da subministración de auga nunha vivenda que non dispón de primeira ocupación deberán seguir un procedemento que dependerá das características e da situación urbanística de cada inmoble. Para facilitar esta tramitación, o Concello estudará individualmente cada caso e indicará aos interesados os pasos que deben seguir.

Segundo a información municipal, existen diferentes escenarios posibles. No caso das vivendas sen primeira ocupación cuxa construción sexa compatible co planeamento urbanístico, será necesario presentar un expediente de legalización que rematará co outorgamento da primeira utilización e permitirá solicitar a alta da auga.

Cando non exista primeira ocupación, pero xa transcorreran máis de seis anos, os propietarios deberán solicitar unha cualificación de fóra de ordenación. Unha vez obtida a resolución favorable da Administración, poderán iniciar o trámite para solicitar a subministración.

Existe tamén un terceiro suposto para aqueles inmobles nos que o uso non sexa compatible co planeamento ou cuxa construción non se axuste á licenza ou á normativa urbanística, sempre que non transcorreran seis anos. Nestes casos, será necesario resolver previamente a incompatibilidade urbanística existente antes de poder solicitar o abastecemento de auga.

Pola súa banda, as parcelas situadas en solo urbano consolidado (SOAR) poderán tramitar a alta mediante unha solicitude simple, sen necesidade de obter unha cualificación urbanística.

O Concello lembra que a presentación dunha solicitude non implica a concesión automática da subministración nin a legalización do inmoble, xa que cada situación será estudada de maneira individualizada.

ACORDOS EN VIVENDA E NO CENTRO DEPORTIVO DE SAN FIZ

Entre os acordos da reunión figura tamén a concesión de licenza urbanística para a rehabilitación integral dos edificios situados nos números 12 e 13 da praza do Ferrol. O proxecto prevé convertelos nun hotel de dúas estrelas, sen servizo de comedor e cunha capacidade total de 43 prazas. A actuación conta cun orzamento de execución material de 705.882,90 euros e un prazo previsto de 36 meses. A licenza xera uns ingresos tributarios provisionais de 28.235,32 euros para as arcas municipais.

No ámbito da vivenda, aprobouse a adxudicación dunha vivenda municipal adaptada na Casa Domótica, situada na rúa Manuel Leiras Pulpeiro, número 7, destinada a persoas con discapacidade e mobilidade reducida. O Concello lembrou que aínda quedan outras dúas vivendas dispoñibles cun alugueiro accesible. A tramitación realízase a través do servizo de Contratación e Patrimonio, previo informe de Benestar Social.

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao proxecto de ordenanza reguladora de Lugo Aluga, o Programa Municipal de Mobilización de Vivenda para Alugueiro Asequible. A iniciativa pretende incorporar vivendas xa existentes ao mercado do alugueiro habitual e permanente mediante a adhesión voluntaria das persoas propietarias e a intermediación municipal. O programa prevé comprobar as condicións técnicas dos inmobles e seleccionar as persoas arrendatarias segundo a súa capacidade económica, ademais de ofrecer garantías mediante seguros de protección do arrendamento e axudas á propiedade.

A referencia municipal de renda será de 700 euros mensuais para unha persoa, cun incremento de 35 euros por cada convivente adicional. As unidades de convivencia deberán ter unha renda anual bruta ponderada de entre dúas e oito veces o IPREM. As axudas ás persoas propietarias poderán alcanzar os 900 euros iniciais para cubrir gastos de representación inmobiliaria, informe técnico de idoneidade, certificado de eficiencia enerxética e seguro de alugueiro. Para os anos seguintes prevese unha achega de ata 525 euros anuais para o seguro. A permanencia máxima no programa será de cinco anos por vivenda e a primeira convocatoria está prevista para 2027. A ordenanza deberá continuar a súa tramitación e someterse á aprobación do Pleno.

Outro dos acordos foi a aprobación do procedemento de licitación e das bases para alugar dous locais municipais situados na Tinería, co obxectivo de impulsar a actividade comercial e económica do barrio. Os espazos teñen 18,90 e 50,24 metros cadrados, cunhas rendas mensuais de 18,90 e 72,65 euros, respectivamente. A convocatoria publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no perfil do contratante municipal.

En materia de equipamentos, aprobouse o proxecto básico e de execución da primeira fase do Centro Deportivo Municipal de San Fiz, no barrio de Montirón, así como o expediente para contratar as obras. O orzamento de licitación ascende a 1.816.007,37 euros, IVE incluído, e o prazo máximo de execución será de catro meses.

Tamén se aprobou a contratación da subministración e instalación de nove novas marquesiñas, cun orzamento de 68.244 euros. Colocaranse en Fixós, no cruzamento da LU-P-2901 en Abelairas, en Santa Eufemia (Calde), no cruzamento da LU-530 coas Regas (Carballido), en Vilar (Recimil), na estrada da Fonsagrada, no cruce coa estrada vella, na rotonda da Ronda Norte, nas inmediacións de Falcón, e en Carballal (Soñar).

A reunión incluíu tamén a adhesión do Concello a un convenio coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a xestión dos residuos de envases domésticos lixeiros e de papel e cartón dun só uso. O Goberno local traballa na posta en marcha dunha campaña para fomentar a reciclaxe nun barrio da cidade.

Por último, a Xunta de Goberno adxudicou a SEYVI SEGURIDAD, S. L. o servizo de vixilancia dos sete centros de convivencia municipais e do Centro Interxeracional Paco Martín. O contrato ascende a 504.072 euros para un período inicial estimado de 18 meses, ata o 16 de xuño de 2028.

0.15565586090088