O Concello de Lugo lanza unha nova edición dos talleres de prevención de adiccións

LugoXa
"Queremos ofrecer unha formación preventiva integral, adaptada ás distintas idades e necesidades, para que desenvolvan habilidades que lles permitan tomar decisións responsables"
curso-contra-adiccións-en-Lugo
31 Out 2024

O Goberno local de Lugo, a través da Concellería de Xuventude dirixida por Jorge Bustos, lanza unha nova edición dos talleres de prevención de adiccións, que estarán dispoñibles ao longo do curso 2024/2025 en centros escolares e para familias.

Estes programas, organizados polo Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias, buscan non só informar, senón tamén dotar á mocidade e ás súas familias das ferramentas necesarias para afrontar os retos asociados ás adiccións e ás influencias sociais.

"Queremos ofrecer unha formación preventiva integral, adaptada ás distintas idades e necesidades, para que os máis novos teñan información veraz e desenvolvan habilidades que lles permitan tomar decisións responsables", indicou o edil de Xuventude, Jorge Bustos.

Entre os talleres dispoñibles destacan Desconecta, para alumnado de primaria, e Unplugged, dirixido á adolescencia, ambos con enfoques dinámicos e metodoloxías baseadas na evidencia para retrasar a idade de inicio no consumo e fomentar estilos de vida saudables.

Un dos puntos destacados deste programa é o obradoiro monográfico sobre cannabis, vapeo e outras formas de consumo de tabaco, pensado para que o alumnado de secundaria coñeza a realidade destas substancias e a súa evolución como novas formas de consumo aditivo. A través deste taller, os participantes aprenderán a identificar os mitos asociados ao consumo de vapeadores e os perigos que estas prácticas poden xerar, desmontando crenzas e promovendo hábitos saudables.

Para o alumnado de maior idade, como os estudantes de Formación Profesional Básica e Secundaria, desenvolverase o obradoiro Dobre Check, centrado en habilidades sociais e comunicación efectiva. "É fundamental adaptar cada programa ao contexto dos adolescentes, reforzando a súa capacidade para recoñecer e xestionar situacións de presión social", engadiu Bustos.

As actividades incluirán tamén unha sesión sobre adiccións e educación viaria, dirixida á mocidade a partir dos 16 anos, onde se abordarán temas coma os perigos asociados ao consumo e á condución, coa colaboración da Policía Local. Ademais, as familias contarán cun programa de charlas específicas para mellorar a súa capacidade de acompañar aos seus fillos e fillas na prevención das adiccións.

"A prevención debe comezar no fogar, e desde o Goberno local queremos proporcionar os recursos para que as familias teñan un papel activo neste proceso", destacou Jorge Bustos, concluíndo que "a aposta do Executivo de Paula Alvarellos reforza a importancia de dotar á sociedade de ferramentas preventivas para un futuro máis saudable”.

0.20342803001404