O concurso do cartel do San Froilán abre a polémica polo uso da intelixencia artificial

LugoXa
Deseñadores e veciñanza critican que o Concello empregase unha imaxe xerada con IA para anunciar unha convocatoria que prohibe expresamente esta tecnoloxía
concello-cartel-concurso-san-froilan-2026-uso-IA
Infografías de Iván Mourente
21 Aug 2026

A recuperación do concurso aberto para elixir o cartel das festas do San Froilán 2026 xerou críticas entre profesionais do deseño gráfico e veciñanza de Lugo. As queixas céntranse tanto no cambio de modelo respecto ao pasado ano como na imaxe empregada pola Área de Cultura para anunciar a convocatoria, que os críticos identifican como xerada mediante intelixencia artificial.

O Concello decidiu recuperar este ano o certame aberto a artistas e público en xeral para seleccionar a imaxe das festas, que se celebrarán do 4 ao 12 de outubro. As bases establecen que o deseño gañador será o cartel anunciador do San Froilán 2026 e fixan un premio de 2.000 euros.

A decisión supón un cambio respecto ao modelo empregado o pasado ano, cando se apostou por encargar o traballo a profesionais locais. Parte do sector do deseño lamenta agora a volta ao formato de concurso, ao considerar que a contratación directa de artistas da cidade contribuía á profesionalización da imaxe das festas e supoñía un apoio ao talento local.

A controversia aumentou pola campaña utilizada para comunicar a convocatoria. A publicación municipal fai referencia aos 120 anos dos primeiros carteis publicitarios modernos e emprega imaxes inspiradas en carteis históricos do San Froilán, tomando como referencia o libro 'A publicidade das festas de San Froilán de Lugo: carteis e programas 1877-2011', de Teresa Pena Moreda e Fernando Arribas Arias.

Precisamente a reinterpretación destas pezas é un dos aspectos cuestionados. As críticas sosteñen que a utilización de intelixencia artificial modificou e desvirtuou os carteis históricos, ofrecendo representacións que non se corresponden cos orixinais, e reprochan a falta de rigor á hora de empregar este patrimonio gráfico para promover o concurso.

As bases prohiben expresamente a IA

A principal contradición sinalada polos profesionais está nas propias condicións da convocatoria. As bases do concurso establecen literalmente que "queda prohibido o uso de tecnoloxías de intelixencia artificial para a elaboración dos deseños". Ademais, prevén que o Concello poida solicitar o arquivo orixinal por capas, documentación, bosquexos ou outras xustificacións para comprobar a autoría do traballo e evitar o emprego desta tecnoloxía.

As normas van máis alá e contemplan a exclusión dos deseños realizados total ou parcialmente con intelixencia artificial, unha condición que se xustifica expresamente coa finalidade de "promover o talento das persoas".

Esta mesma restrición aparece no concurso do San Froilán Miúdo. As bases destinadas aos menores de 15 anos obrigan a acreditar que as propostas son de autoría propia e evitan o uso de intelixencia artificial. Neste caso tamén se prohibe expresamente esta tecnoloxía e se establece que non se aceptarán deseños realizados total ou parcialmente con ela.

Os críticos consideran incoherente que Cultura estableza estas condicións para os participantes mentres recorre á IA nas súas propias comunicacións. Tamén defenden que as administracións, e especialmente as áreas vinculadas á cultura, deberían priorizar e fomentar o traballo de ilustradores, artistas e deseñadores.

A polémica garda similitudes coa rexistrada recentemente en Xove, onde o BNG criticou ao Concello polo emprego de intelixencia artificial sen unha revisión suficiente nunha publicación relacionada co eclipse solar. Agora, en Lugo, o debate trasládase á imaxe dunha das celebracións máis representativas da cidade e á maneira na que as institucións empregan estas novas ferramentas na comunicación cultural.

0.12252187728882