O goberno local de Lugo asegura que a pasarela da Ronda da República Arxentina estará instalada a finais de maio de 2027

As obras da nova pasarela peonil sobre a Ronda da República Arxentina, en Lugo, están en marcha e avanzan segundo a planificación trasladada pola empresa adxudicataria. A instalación da estrutura está prevista para finais de maio de 2027, mentres que os traballos de cimentación se desenvolverán antes de que remate o presente ano. Así, contestan ás demandas do BNG.
A actuación foi adxudicada o pasado 24 de agosto á unión temporal de empresas (UTE) formada por Citanias Obras y Servicios e Geocaminos, por un importe de 1.115.361,22 euros. O contrato formalizouse o 17 de setembro.
Na actualidade, os traballos céntranse na fabricación da estrutura metálica en dous talleres especializados, unha fase que se desenvolve fóra da vía pública e que, polo tanto, non é visible desde a rúa.
Segundo o calendario previsto, os piares colocaranse a mediados de maio de 2027, mentres que a instalación da pasarela se levará a cabo a finais dese mes. Esta última operación obrigará a realizar cortes de circulación na estrada nacional durante dúas ou tres noites para permitir a colocación da estrutura.
O proxecto e a licitación foran aprobados o 29 de abril. A adxudicación completouse en agosto e a formalización do contrato tivo lugar o 17 de setembro, xa co actual Goberno municipal.
A nova infraestrutura permitirá mellorar a conexión peonil entre ambas as marxes da Ronda da República Arxentina. O Concello de Lugo sinala que continuará supervisando a evolución das obras para comprobar que se axustan aos prazos previstos.