Rubén Arroxo: "A construcción da pasarela peonil na Ronda da República Arxentina ten que comezar canto antes"

LugoXa
O BNG reclama o inicio das obras da pasarela entre os parques Rosalía e Marcos Cela
BNG-Pasarela-Marcos-Cela
20 Oct 2026

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, reclamou o inicio das obras da pasarela peonil que conectará os parques Rosalía de Castro e Marcos Cela por riba da Ronda da República Arxentina. A infraestrutura permitirá recuperar un antigo camiño tradicional interrompido pola construción desta vía e facilitará un percorrido peonil continuo desde o centro da cidade ata o río Miño.

O portavoz nacionalista denunciou que a actuación leva semanas adxudicada sen que os traballos teñan comezado e cualificou esta situación como "un novo síntoma da parálise que o goberno do PP trouxo á cidade". Rubén Arroxo: "A construcción da pasarela peonil na Ronda da República Arxentina ten que comezar canto antes".

Unha conexión peonil entre o centro e o Miño

Arroxo lembrou que o proxecto parte dun acordo plenario de 2018 que el mesmo defendeu e no que o anterior goberno municipal traballou durante un longo período. Na actualidade, a Ronda da República Arxentina só se pode cruzar polos seus extremos, polo que a nova pasarela permitirá mellorar a comunicación entre diferentes zonas da cidade.

A actuación facilitará un itinerario peonil desde o centro, a través de Recatelo e do parque Marcos Cela, ata chegar ao Miño. "É moi positivo porque lle dá continuidade á cidade", sinalou Arroxo.

O proxecto, elaborado polo BNG desde a área de Infraestruturas durante a anterior etapa de goberno, contempla unha estrutura metálica curva de aceiro corten apoiada sobre piares en forma de V. O deseño busca garantir a resistencia e a durabilidade da pasarela, reducir as necesidades de mantemento e favorecer a súa integración na contorna.

O proxecto quedou en fase de licitación

O portavoz nacionalista explicou que, durante a redacción do proxecto, o Concello tamén realizou traballos previos, como o soterramento da instalación eléctrica. Segundo lembrou, o anterior goberno deixou o procedemento en fase de licitación.

O BNG anunciou que fará seguimento da actuación para comprobar que as obras se executen conforme ao proxecto previsto. Arroxo insistiu na importancia de materializar iniciativas que, segundo defendeu, contribúen a mellorar a mobilidade peonil e a conectar distintos espazos da cidade.

0.14729118347168