O Muralleando cambia de localización en Lugo e contará cunha programación musical gratuíta ata setembro

LugoXa
O ciclo levará concertos á Praza Maior e á Praza de Santa María con propostas para todos os públicos durante as fins de semana do verán
Muralleando-2025
1 Jul 2026

O Concello de Lugo celebrará unha nova edición do ciclo musical Muralleando, unha iniciativa que este ano trasladará a súa programación á Praza Maior e á Praza de Santa María. Os concertos desenvolveranse todos os venres e sábados ata a primeira fin de semana de setembro.

A proposta busca achegar a actividade cultural á cidadanía, contribuír á dinamización do centro histórico durante os meses estivais e ofrecer unha programación musical ampla, gratuíta e orientada a públicos de diferentes idades e intereses.

Para configurar esta edición, o Servizo de Cultura impulsou unha convocatoria pública na que participaron un total de 53 propostas de grupos e artistas. Esta elevada participación, segundo sinalan desde a organización, reflicte o dinamismo da escena musical lucense e a consolidación do interese que esperta este programa.

A selección realizouse tendo en conta criterios relacionados co interese cultural, a diversidade artística, a presenza da música local e a adaptación ao formato do ciclo. O obxectivo foi conformar unha programación equilibrada e diversa que permitise incorporar propostas de estilos moi distintos.

Deste xeito, ao longo do verán pasarán polos escenarios do ciclo formacións de música tradicional, folk, músicas atlánticas, música clásica, blues, jazz, pop, rock, indie, metal, música urbana, rap, sesións de DJs e outras propostas de fusión musical. A programación combinará tanto grupos consolidados como proxectos emerxentes.

As actuacións celebraranse todos os venres e sábados ás 20.30 horas, cunha duración mínima dunha hora e con acceso totalmente gratuíto para o público.

0.12868118286133