O Parque Central de Galicia abrirá o 28 de xuño cunha programación cultural, musical e gastronómica na Ulloa

GaliciaXa | LugoXa
A inauguración contará con actuacións de colectivos locais, un concerto de Treixadura e unha mostra de produtos de proximidade antes de poñer o foco no impacto territorial do proxecto
programación-inaugurar-o-Parque-Central-de-Galicia-Antas-de-Ulla
19 Jun 2026

A programación da inauguración do Parque Central de Galicia, prevista para o vindeiro 28 de xuño na comarca da Ulloa, foi presentada nun acto celebrado na Sala de Xuntas no que participaron a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e a alcaldesa de Antas de Ulla e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.

A apertura deste novo espazo desenvolverase durante a tarde do domingo 28 cun programa pensado para fomentar a participación veciñal e destacar os recursos culturais, sociais e gastronómicos da contorna. Entre as actividades previstas figuran as actuacións de distintos colectivos culturais da Ulloa, como a Asociación Cultural Fiadeira, a Coral Polifónica Sons do Farelo e a Banda de Música de Antas, unha formación con máis de 125 anos de historia que representa o compromiso interxeracional coa cultura local.

A xornada completarase cun concerto do grupo Treixadura, que será un dos principais reclamos musicais da inauguración e o encargado de pechar a programación prevista para ese día.

Os asistentes tamén poderán degustar unha mostra de produtos gastronómicos de proximidade, con especial protagonismo para elaboracións tradicionais como queixos, pan artesán, galletas e empanadas galegas, reforzando así a conexión entre o territorio, a identidade e o produto local.

Durante a presentación, tamén se puxo o foco na importancia que terá esta infraestrutura para a provincia. Desde a institución provincial destacouse que o Parque Central de Galicia constitúe un proxecto estratéxico para Lugo ao responder a un modelo de desenvolvemento baseado no equilibrio territorial, na creación de oportunidades para o rural e na posta en valor dos recursos propios como motores de crecemento.

Carmela López destacou que esta infraestrutura terá un impacto relevante na dinamización económica e turística da comarca da Ulloa, contribuíndo a consolidala como un novo destino emerxente dentro da oferta provincial. Ademais, sinalou que o proxecto vai máis alá dun espazo físico, xa que representa un modelo de provincia que sitúa o rural no centro das políticas públicas, impulsando a actividade económica, a cohesión territorial e o sentimento de pertenza. Tamén subliñou a integración do parque na contorna natural e a súa concepción orientada a promover un turismo sostible vinculado ao territorio.

A presidenta da Deputación quixo tamén recoñecer o labor desenvolvido por Pilar García Porto e a súa implicación directa na consecución desta iniciativa, sinalando que o parque é resultado da colaboración institucional e do compromiso compartido por impulsar transformacións desde o ámbito local.

Pola súa parte, Pilar García Porto asegurou que esta actuación supón un paso importante para reforzar a proxección de Antas de Ulla e da súa comarca como un territorio con identidade turística e capacidade de desenvolvemento social. Ademais, lembrou o vínculo histórico do municipio coa idea de ser o corazón de Galicia, indicando que as coordenadas acreditadas polo Instituto Xeográfico Nacional reforzan esa percepción e abren novas perspectivas de futuro para o concello.

García Porto concluíu destacando que esta infraestrutura representa a identidade do territorio e unha oportunidade para poñer en valor o rural, as raíces e o potencial do interior galego.

0.14129590988159