O PP leva ao Senado os atascos da A-6 na Montaña lucense e pide explicacións ao Goberno

LugoXa
Os senadores populares por Lugo reclaman medidas para evitar novas retencións mentres continúan as obras de rehabilitación do firme na autovía
Senadores-PP-Pedrafita-A6
5 Aug 2026

Os senadores do Partido Popular por Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, rexistraron unha iniciativa no Senado para solicitar explicacións ao Goberno central polos importantes atascos rexistrados nos últimos días na contorna de O Cereixal, en Becerreá, coincidindo coas obras de rehabilitación do firme que o Ministerio de Transportes executa na A-6 en sentido Madrid.

Os representantes lucenses consideran que o plan de mobilidade deseñado para minimizar as afeccións ao tráfico non cumpriu o seu obxectivo, xa que os traballos obrigaron a desviar unha parte significativa da circulación cara á N-6 nun dos momentos con maior volume de desprazamentos do ano. Esta situación provocou longas retencións que afectaron tanto a condutores particulares como a profesionais do transporte e viaxeiros que empregan esta vía como alternativa á autovía.

A través das preguntas presentadas na Cámara Alta, os parlamentarios populares queren coñecer se o Executivo recoñece que a planificación resultou insuficiente e cales foron os erros que derivaron nos problemas de circulación rexistrados durante as últimas semanas.

Ademais, demandan información sobre as actuacións que prevé adoptar o Ministerio de Transportes para mellorar a fluidez do tráfico mentres se manteñan os traballos, garantindo ao mesmo tempo a seguridade viaria e unhas condicións adecuadas de mobilidade para os usuarios.

Os senadores do PP defenden a necesidade de acometer actuacións de conservación e mellora nas infraestruturas, pero consideran imprescindible que este tipo de intervencións vaian acompañadas dunha planificación rigorosa, especialmente cando afectan a unha das principais arterias de comunicación da provincia e coinciden con períodos de elevada intensidade circulatoria.

Tamén sinalan que os problemas de tráfico se viron incrementados pola coincidencia con eventos que atraen un gran número de visitantes á comarca. Neste contexto, lembran a proximidade da tradicional Festa da Tenreira Galega de Becerreá, que se celebra este sábado e que ten como escenario a travesía urbana da N-6, polo que reclaman medidas preventivas para evitar novos episodios de colapso circulatorio.

Barreiro, Balseiro e Serrano conclúen que os acontecementos rexistrados nos últimos días poñen de manifesto a necesidade de revisar o dispositivo de mobilidade previsto para as obras e introducir cambios que permitan compatibilizar a execución dos traballos coa seguridade viaria e co normal desenvolvemento dos desprazamentos dos milleiros de condutores que atravesan a provincia de Lugo.

0.12080693244934