O PPdeG esixe no Senado un calendario definitivo para completar a autovía A-54 entre Lugo e Santiago

GaliciaXa | LugoXa
Os senadores populares reclaman ao Goberno central datas concretas para a finalización das obras tras varios atrasos nunha infraestrutura considerada estratéxica para Galicia
Autovia-A54-Palas de Rei-PP
13 Aug 2026

O Partido Popular de Galicia levará ao Senado unha iniciativa para reclamar ao Goberno de España un calendario detallado e definitivo que permita coñecer cando estará finalizada e plenamente operativa a autovía A-54 entre Lugo e Santiago. A proposta debaterase na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible da Cámara Alta.

A iniciativa foi presentada en Palas de Rei polos senadores galegos José Manuel Barreiro e Juan Serrano, acompañados polos alcaldes de Palas de Rei, Pablo Taboada, e de Guntín, Ángel Pérez. Os populares consideran que os sucesivos atrasos acumulados na execución da infraestrutura requiren explicacións e unha planificación clara sobre os prazos pendentes.

Desde o PPdeG lembran que a apertura da autovía foi anunciada inicialmente para finais de 2025 e que, tras incumprirse esa previsión, o Goberno trasladou a posta en servizo ao verán de 2026, unha data que tampouco se materializou polo momento.

Os senadores populares sosteñen que, aínda que nunha obra destas características poden xurdir incidencias técnicas, resulta necesario que o Executivo informe das causas dos atrasos, das modificacións realizadas nos proxectos e dos posibles sobrecustos derivados destes cambios.

Segundo explican, a A-54 constitúe unha infraestrutura estratéxica para a conexión entre Lugo e Santiago e para a mellora das comunicacións no interior de Galicia, polo que consideran prioritario dispoñer de información precisa sobre o estado dos traballos e os prazos de execución pendentes.

Ademais, José Manuel Barreiro lembrou que os senadores populares de Lugo solicitaron o pasado 14 de xullo autorización á Delegación do Goberno en Galicia para visitar as obras do tramo Melide Sur-Arzúa Oeste e coñecer de primeira man a evolución dos traballos. Segundo indicou, a petición non obtivo resposta.

As críticas do PP prodúcense nun contexto de crecente debate político sobre as infraestruturas pendentes na provincia. Nas últimas semanas, distintos representantes populares tamén cuestionaron os atrasos na posta en funcionamento da estación intermodal de Lugo, reclamando ao Goberno central unha maior transparencia sobre os prazos previstos para a súa entrada en servizo.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, avanzara o pasado mes de maio que Lugo quedaría comunicada por vía rápida con Santiago durante o verán de 2026 unha vez rematasen as obras do último treito pendente da A-54. Porén, cando xa se supera a metade do mes de agosto, aínda non se comunicou unha data definitiva para a apertura completa da infraestrutura. A esta incertidume súmase a decisión adoptada en xullo polo Consello de Ministros, que aprobou unha nova modificación do contrato das obras da autovía cun incremento de 242.722 euros destinado aos enlaces de Palas de Rei e Melide Sur, unha actuación que volveu poñer de manifesto os axustes e cambios acumulados durante a execución do proxecto.

0.13399291038513