O programa 'CD Lugo na Escola' chega ao Centro Educativo Galén, que celebra os seu 25 aniversario

LugoXa
Os xogadores Borja Sánchez e Yago Rodríguez compartiron unha xornada educativa co alumnado
CD-Lugo-na-Escola-visita-Galén
6 May 2026

O Club Deportivo Lugo, a través do programa 'CD Lugo na Escola' e en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, desprazouse ao Centro Educativo Galén, que celebra o seu 25 aniversario cun ciclo de conferencias de carácter formativo.

Entre esas actividades destaca a prevista para este xoves, 7 de maio, na que o psicólogo e terapeuta familiar Antonio Ríos, considerado un dos referentes estatais en orientación e psicoterapia con adolescentes, ofrecerá unha conferencia sobre a adolescencia ás 19.15 horas no Auditorio da Xunta de Galicia, na Ronda da Muralla.

Durante a visita ao centro, os xogadores do primeiro equipo Borja Sánchez e Yago Rodríguez foron os encargados de compartir a xornada co alumnado. A actividade comezou cunha rolda de preguntas na que ambos futbolistas responderon e achegaron consellos, recomendacións e experiencias vinculadas tanto ao deporte como á súa vida diaria no fútbol profesional, nun encontro próximo e participativo que permitiu ao alumnado coñecer mellor a realidade dos xogadores albivermellos.

Tras este intercambio, os futbolistas repartiron tarxetas personalizadas e vales de invitación para o encontro deste domingo fronte ao Zamora CF, no Anxo Carro ás 14.15 horas, un partido clave que supón o primeiro dos tres compromisos decisivos que lle restan á tempada ao conxunto albivermello.

A xornada concluíu cunha serie de partidillos entre os xogadores e o alumnado, nun ambiente distendido no que puideron compartir a súa paixón polo fútbol. O club agradeceu ao Centro Educativo Galén a acollida e o trato recibido, destacando ademais a relación próxima e continuada que manteñen, que fai destas iniciativas unha experiencia habitual e especialmente significativa.

0.1361608505249