O programa completo do San Froilán 2024: concertos, Festival de Música Tradicional e Feira do Mel

LugoXa
O evento contará con preto de 200 actividades, das cales máis da metade serán musicais
san-froilan-concerto-musica-xuventude
24 sep 2024

Rubén Arroxo, tenente alcalde de Lugo, xunto a Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, e Iria Castro, deputada de Cultura, presentaron o programa do San Froilán 2024, que se celebrará do 4 ao 12 de outubro. O evento contará con preto de 200 actividades, das cales máis da metade serán musicais, destacando a participación de máis de 50 agrupacións locais. Ferreiro destacou o protagonismo da cultura tradicional galega, con actividades consolidadas como o desfile do traxe tradicional, o XXII Festival de Música Tradicional de Cántigas e Frores e a XXVI Mostra de Música Tradicional Galega.

As familias tamén poderán gozar de 15 actividades exclusivas dentro do San Froilán Miúdo, mentres que a programación inclúe máis de 50 concertos e preto de 90 actividades de rúa. Entre os concertos principais, destacan Coque Malla (11 de outubro), Paula Matheus (12 de outubro) e Milladoiro, que celebrará o seu 45 aniversario o 12 de outubro.

Iria Castro subliñou o compromiso da Deputación de Lugo coas festas, que apoia con 150.000 euros, pero criticou a escasa colaboración da Xunta de Galicia, que só achegou 25.000 euros. Maite Ferreiro tamén cuestionou o desinterese da Xunta, destacando que "investiron máis de 2 millóns de euros no Son do Camiño, mentres que ao San Froilán só lle destinan un 0,86 % dese orzamento".

As festas de San Froilán consolidan o seu papel como unha das citas culturais máis importantes de Lugo e de Galicia, atraendo tanto a veciños como visitantes cunha oferta diversa e de calidade.

CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO DO SAN FROILÁN PREMENDO NESTA LIGAZÓN

0.096582889556885