O PSOE denuncia que a Fonte do Rei leva case seis meses sen funcionar e esixe a súa reparación

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, esixiu ao Goberno de Elena Candia que repare a Fonte do Rei e a poña novamente en funcionamento. A edil denuncia que o elemento urbano leva case seis meses inutilizado e que non funcionou ningún día desde a moción de censura.
González Abelleira considera incomprensible o atraso nun espazo emblemático da cidade, situado nun dos principais accesos a Lugo pola zona sur. Segundo afirmou, trátase dunha actuación que debería estar resolta e que non require unha gran obra, senón os traballos necesarios para recuperar o funcionamento da fonte.
A socialista acusou o executivo local de falta de xestión e de non atender as prioridades da cidadanía. Ademais, criticou que o grupo municipal teña que asumir desde a oposición a tarefa de marcar a folla de ruta do Goberno e lembrarlle as actuacións pendentes.
A edil advertiu tamén do impacto que esta situación ten na imaxe da cidade, ao tratarse dunha das primeiras estampas que atopan moitas persoas ao entrar en Lugo pola zona sur. Por iso, reclamou a Candia que abandone a parálise e acometa a reparación sen máis demora.
RESPOSTA DO CONCELLO DE LUGO
Desde o Concello de Lugo destacan que "se renovará por completo a iluminación da fonte da Praza do Rei, tras detectar o importante deterioro que presenta a instalación orixinal. Para definir o novo deseño realizouse un estudo luminotécnico e xa está encargado todo o material necesario. Nos próximos días comezarán os traballos de desmontaxe e retirada dos cadros eléctricos e das tubaxes da antiga instalación, que serán substituídos por elementos novos".
Ademais, expoñen, "esta actuación súmase aos traballos de impermeabilización, realizados en tempo e forma, que permitiron resolver os problemas que provocaban a entrada de auga na zona das bombas. Para iso, retirouse a lámina que estaba mal adherida nas zonas máis próximas ás bombas, seláronse as gretas e tratáronse os elementos pasantes, impulsores e desaugadoiros, identificados como puntos críticos ante posibles filtracións".