O PSOE pide aproveitar a parcela do Sagrado Corazón para máis equipamentos públicos ademais do centro de saúde

LugoXa
Miguel Fernández reclama ao Concello que defenda ante a Xunta a incorporación dun centro de día e unha escola infantil ante o crecemento previsto na contorna
veciñanza-Sagrado-Corazón-PSOE-Lugo
Imaxe de arquivo dunha xuntanza do PSOE coa veciñanza do Sagrado Corazón
9 Sep 2026

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, reclamou ao actual Goberno local que vaia máis aló da construción do novo centro de saúde previsto no antigo colexio do Sagrado Corazón e impulse ante a Xunta de Galicia unha planificación máis ampla para esta zona da cidade.

Fernández puxo en valor o traballo realizado durante o anterior mandato municipal para desbloquear a situación dos terreos do antigo colexio e permitir a súa posta á disposición da Administración autonómica. Segundo explicou, o proceso requiriu un investimento municipal superior aos 700.000 euros e unha complexa tramitación administrativa.

O socialista lembrou que o expediente de expropiación foi aprobado inicialmente en outubro de 2025 e posteriormente sometido a información pública e ao período de alegacións, que foron analizadas polos servizos técnicos municipais. O procedemento quedou finalmente rematado á espera da incorporación dos remanentes, que se produciu posteriormente á moción de censura.

Para Miguel Fernández, a obtención destes terreos supón a recuperación dun espazo público estratéxico, polo que considera que o Concello debe aproveitar a súa dimensión para dar resposta ás necesidades presentes e futuras da veciñanza.

"Agora é cando máis falta fai ambición e visión de cidade. O Concello conseguiu poñer este terreo a disposición da Xunta para que constrúa o centro de saúde, pero Candia ten que facer algo máis", sinalou. Neste sentido, reclamou que a parcela se aproveite na súa integridade e que a actuación teña en conta o conxunto das necesidades da zona.

Entre as dotacións que o PSOE considera necesarias figuran, ademais do centro de saúde, un centro de día e unha escola infantil. Fernández defendeu que estes equipamentos deberían formar parte dunha planificación global ante a transformación que experimentará esta parte de Lugo nos próximos anos.

O portavoz socialista vinculou esta evolución especialmente á entrada en funcionamento da nova estación Intermodal e ao crecemento residencial previsto na contorna. "Non podemos pensar unicamente no que Lugo necesita hoxe; temos que anticiparnos ás necesidades que terá mañá", afirmou.

Fernández tamén mencionou o papel que terán nesta transformación o Sagrado Corazón, As Gándaras, Paradai e os espazos próximos, que previsiblemente gañarán peso dentro da estrutura urbana da cidade. Ao seu xuízo, o incremento da centralidade desta zona levará aparelladas novas necesidades en materia de servizos públicos, equipamentos e atención á cidadanía.

Por este motivo, pediu á alcaldesa, Elena Candia, que manteña unha interlocución permanente coa Xunta e recupere o traballo institucional desenvolvido polo anterior Goberno municipal para reclamar un programa de equipamentos públicos acorde co crecemento da zona.

"Se temos un solo público estratéxico, con dimensión suficiente e nunha zona chamada a experimentar unha profunda transformación urbana, sería un erro limitar a súa utilización a unha única dotación sen analizar o conxunto das necesidades do barrio", advertiu.

Fernández insistiu en que a construción do centro de saúde debe ser unha prioridade, pero defendeu que non debe poñer punto final á planificación deste espazo. "O centro de saúde é imprescindible e debe facerse canto antes, pero non pode ser o punto final. Ten que ser o punto de partida dunha planificación máis ambiciosa", afirmou.

Finalmente, o portavoz socialista reivindicou a xestión realizada durante o seu mandato para conseguir os terreos e poñelos ao servizo da cidadanía. "Como alcalde fixen o que me correspondía: asumín unha responsabilidade que durante anos non se resolvera, impulsei a tramitación, garantindo a seguridade xurídica e traballei para que este terreo puidese quedar finalmente ao servizo da cidadanía", concluíu.

0.15938305854797