O PSOE reclama recuperar o Plan Municipal de Vivenda e acusa ao Goberno local de “gardalo nun caixón”

LugoXa
Miguel Fernández pide retomar unha folla de ruta que incluía rehabilitación, mobilización de vivenda baleira e incremento da oferta residencial en Lugo
PSOE-Plan-de-Vivenda
8 Jun 2026

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, instou ao Goberno local a recuperar de maneira inmediata o Plan Municipal de Vivenda impulsado durante o seu mandato e a retomar a estratexia de traballo en materia residencial.

Fernández lamentou que, tras a moción de censura, unha das primeiras decisións fose a desaparición desta iniciativa, que definiu como un documento clave para dar resposta aos principais problemas de acceso á vivenda. Segundo afirmou, o plan foi “gardado nun caixón” e acusou ao Executivo de priorizar a folla de ruta da Xunta fronte aos intereses de Lugo.

O socialista explicou que o plan partía dun diagnóstico da situación habitacional da cidade e estruturábase en tres grandes liñas de actuación: a conservación e rehabilitación do parque de vivendas existente, a mobilización das vivendas baleiras e o incremento da oferta residencial dispoñible.

No primeiro eixo, destacou que Lugo conta con máis de 62.000 vivendas, moitas delas antigas, polo que considerou prioritaria a súa rehabilitación. O proxecto incluía o reforzo dos servizos técnicos municipais para axilizar licenzas, unha nova ordenanza de conservación e rehabilitación e a creación dun inventario de inmobles deteriorados para permitir actuacións como expropiacións ou substitución forzosa, ademais de reforzar axudas e a actuación de Evislusa para a recuperación de vivenda.

Fernández tamén criticou á Xunta de Galicia, á que acusou de bloquear programas de rehabilitación residencial que, segundo indicou, impediron melloras en barrios como A Milagrosa ou Feijóo.

O segundo eixo do plan centraba a súa atención nas vivendas baleiras, que estimou en máis de 10.700 en Lugo. Propuxo medidas fiscais para penalizar a desocupación prolongada e a creación dunha Bolsa Municipal de Alugueiro Asequible xestionada por Evislusa, co obxectivo de facilitar o acceso á vivenda a prezos inferiores ao mercado.

O terceiro bloque apostaba por aumentar a oferta residencial mediante promoción pública e privada, cambios normativos para facilitar usos e construción, limitación das vivendas turísticas e a posta en marcha de máis de 300.000 metros cadrados de solo urbanizable, cunha reserva do 40% para vivenda protexida. Neste contexto, lembrou o convenio co IGVS que prevía máis de 1.200 vivendas no Sagrado Corazón.

Fernández defendeu que o plan era unha folla de ruta “viable e ambiciosa” e non un simple documento de intencións, e acusou ao Goberno local de renunciar a estas medidas por motivos políticos.

Por último, criticou que o Executivo municipal antepoña a súa relación coa Xunta á defensa dos intereses da cidade e reclamou un cambio de rumbo para reforzar a vivenda pública e as políticas de acceso á vivenda en Lugo.

0.13887596130371