O PSOE reclama recuperar o proxecto para renovar o parque de Fonte dos Ranchos e crear unha pista multideporte

A renovación integral do parque infantil de Fonte dos Ranchos e a creación dunha nova pista multideporte na Avenida Marqués de Ombreiro forman parte dos proxectos que o Grupo Municipal Socialista reclama manter para continuar coa transformación dos barrios de Lugo. A planificación deseñada durante o anterior Goberno contemplaba actuar en dous espazos situados a apenas 100 metros de distancia, co obxectivo de complementalos e dar resposta ás diferentes necesidades da veciñanza.
En Fonte dos Ranchos estaba prevista unha renovación integral da actual área infantil, cunha nova configuración dos espazos e dos elementos de xogo para convertela nunha instalación máis moderna, accesible, inclusiva e adaptada ás diferentes idades. Para esta intervención foran consignados 220.000 euros no Orzamento municipal de 2026.
O proxecto completábase coa transformación da área infantil situada na Avenida Marqués de Ombreiro nunha nova pista multideporte. A memoria da actuación recollía o deterioro das instalacións existentes e consideraba esgotada a súa vida útil como parque infantil. Pola súa proximidade a Fonte dos Ranchos, unha zona máis ampla e con mellores accesos, zonas de estancia e unha elevada utilización por parte das familias, formulouse aproveitar ambos espazos de maneira complementaria.
A proposta permitía concentrar en Fonte dos Ranchos unha gran área infantil renovada e destinar a segunda localización a unha dotación deportiva actualmente inexistente na zona e especialmente orientada á xente máis nova.
A pista proxectada tería unhas dimensións de 20,58 por 9,08 metros e permitiría practicar fútbol sala, baloncesto e voleibol. O deseño incluía accesos adaptados para persoas en cadeira de rodas, pavimento específico, marcaxe para as distintas disciplinas deportivas, rede parabalóns e sistema de drenaxe.
O voceiro socialista, Miguel Fernández, reivindicou este proxecto como exemplo do modelo de cidade que, segundo defende, impulsaba o anterior Goberno. "Un parque infantil non son só columpios. É onde unha familia baixa cos nenos pola tarde, onde os rapaces quedan cos amigos e onde un barrio se encontra e cobra vida", explicou.
Máis dun millón de euros para parques infantís
Fernández sinalou que a actuación de Fonte dos Ranchos formaba parte dunha planificación máis ampla que deixara previstos máis dun millón de euros para crear, remodelar e renovar parques infantís en diferentes puntos de Lugo.
Entre os proxectos figuraba a reforma do parque infantil e da zona verde anexa do Sagrado Corazón, nunha contorna que estaba chamada a experimentar unha importante transformación coa entrada en funcionamento da nova estación intermodal.
Tamén se contemplaba a creación dun novo parque infantil na Praza do Camiño Primitivo, moi próximo ao Carril das Flores, onde a peonalización permitiu recuperar espazo público para as persoas e modificar a relación coa contorna.
A planificación incluía, ademais, unha partida de máis de 239.000 euros para realizar renovacións parciais noutras áreas infantís existentes, dando continuidade ás actuacións de conservación e mellora dunha rede de preto de 80 parques infantís e biosaudables repartidos polo municipio.
"Non facer parches soltos, senón pensar os barrios e pensar a cidade", resumiu Fernández para definir o modelo defendido polos socialistas. Segundo explicou, a intención era acompañar as grandes transformacións urbanas con actuacións que tivesen unha incidencia directa na vida cotiá da veciñanza.
Críticas ao Goberno de Candia
O Grupo Municipal Socialista considera que a moción de censura que provocou o cambio de Goberno interrompeu esta planificación e reclama que os proxectos xa deseñados non queden atrás. Fernández criticou que, catro meses despois do cambio político, o Executivo de Candia estea centrando boa parte da súa acción en actuacións puntuais.
"Non cuestionamos que haxa que reparar, conservar ou atender as pequenas necesidades da cidade. Por suposto que hai que facelo. O problema é pensar que gobernar Lugo consiste só niso", afirmou.
O socialista defendeu fronte a este modelo unha planificación capaz de conectar as diferentes actuacións para incrementar o seu impacto nos barrios. "Non se trata de acumular pequenas obras en distintos puntos do mapa, senón de saber que cidade queremos construír e facer que cada actuación contribúa a ese obxectivo", sinalou.
Os socialistas reclaman así que os proxectos previstos para Fonte dos Ranchos e para outras áreas infantís da cidade continúen adiante e aseguran que seguirán defendendo desde a oposición as actuacións que consideran necesarias para que Lugo manteña a súa capacidade de transformación.
"Nós temos claro cara a onde queremos levar Lugo. Agora tócalle ao Goberno de Candia demostrar se ten a mesma ambición para transformar a cidade", destacou Fernández, que concluíu: "Porque gobernar non é pensar na próxima foto. É pensar na cidade que queremos deixar para a próxima xeración".