O PSOE reclama retirar a nova guía turística de Lugo polos erros e inexactitudes que contén

LugoXa
Ana González Abelleira considera «especialmente grave» que a publicación confunda a Ponte Romana coa Muralla á hora de referirse ao Patrimonio Mundial da UNESCO e cuestiona tamén a autoría das fotografías
Ana-González-PSOE-Lugo
24 Aug 2026

O Grupo Municipal Socialista reclamou ao Goberno de Elena Candia que retire de inmediato a nova guía turística presentada polo Concello de Lugo a pasada semana a través dun QR insertado nunha tarxeta de benvida que tamén criticaron os socialistas, ao considerar que contén numerosos erros e inexactitudes que comprometen a calidade e o rigor dunha publicación destinada a presentar a cidade ante visitantes e turistas.

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, cualificou de «especialmente grave» a confusión entre a Ponte Romana e a Muralla de Lugo ao abordar a condición de Patrimonio Mundial da UNESCO. A edil lembrou que a Muralla foi recoñecida pola UNESCO no ano 2000, mentres que a Ponte Romana non conta con esta consideración.

«Non estamos ante un matiz menor nin ante unha cuestión de interpretación. A Muralla de Lugo é Patrimonio Mundial desde o ano 2000. A Ponte Romana non ten esa consideración», afirmou González Abelleira, que considera «inadmisible» que unha guía turística oficial confunda dous elementos tan relevantes do patrimonio da cidade.

Os socialistas sinalan que os erros se estenden a outros puntos da publicación. Entre eles, mencionan a descrición da Sala Porta Miñá como un espazo destinado a exposicións temporais de pintura, unha función que, segundo indican, non se corresponde coa actividade actual da sala, dedicada ao Lugo romano.

O PSOE tamén cuestiona o tratamento que a guía realiza doutros elementos da cidade, como a Praza Maior, o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), a Porta Falsa, a Porta de Santiago, o Palacio Episcopal, o Círculo das Artes ou o barrio da Tinería.

Segundo González Abelleira, a publicación «confunde o estilo arquitectónico do Palacio Episcopal, erra nas datas do Círculo das Artes e atribúe actividade á Praza Maior no Medievo cando non existía aínda», ademais de ofrecer unha explicación incorrecta sobre a orixe do nome da Tinería.

«Estamos ante unha acumulación de erros que evidencia que ninguén con coñecemento suficiente da cidade e do seu patrimonio revisou o documento antes da súa publicación», afirmou a edil, que considera que unha guía turística oficial debería contar cunha revisión técnica especializada antes de chegar ao público.

A portavoz socialista tamén puxo o foco nas fotografías incluídas na guía e na identificación da súa autoría. Segundo sinalou, algunhas das imaxes empregadas poderían pertencer a recoñecidos profesionais da fotografía, entre eles Xurxo Lobato, así como a outros autores, polo que reclama que todos eles sexan correctamente identificados e recoñecidos.

«Nunha publicación oficial hai que respectar escrupulosamente a propiedade intelectual e recoñecer o traballo de cada profesional. Non é aceptable presentar como propia a autoría de fotografías realizadas por outras persoas», denunciou González Abelleira.

Neste sentido, reclamou ao Goberno municipal que aclare de maneira inmediata a procedencia e autoría de todas as imaxes utilizadas na publicación. A edil considera que o Concello debe dar exemplo no cumprimento das normas sobre propiedade intelectual e no recoñecemento do traballo dos profesionais.

González Abelleira considera especialmente preocupante a existencia destes erros tendo en conta que o Concello dispón de persoal técnico especializado en Turismo. «Lugo ten profesionais perfectamente capacitados para elaborar, revisar e validar unha publicación turística», afirmou, antes de cuestionar que se presentase como oficial un documento que, ao seu xuízo, non contou coa suficiente supervisión técnica.

A edil socialista engadiu que a guía tamén presenta «erros ortográficos, castelanismos e afirmacións históricas» que deberían ser revisados por persoas con coñecementos especializados. Para o PSOE, unha publicación destinada á promoción turística da cidade debe pasar polos correspondentes filtros técnicos e contar coa revisión de profesionais da historia e do patrimonio.

A portavoz adxunta relacionou esta situación coa xestión do actual Goberno municipal e lembrou que existía como referencia institucional un documento base elaborado por Darío Xohán Cabana. Segundo explicou, o actual Goberno decidiu substituílo por unha nova publicación que, na súa opinión, presenta «unha falta de rigor alarmante».

«Estamos ante unha publicación que debería ser unha ferramenta profesional de promoción turística e que, pola contra, transmite improvisación, falta de rigor e ausencia dunha revisión técnica suficiente», subliñou González Abelleira.

O Grupo Municipal Socialista considera que os erros detectados fan necesaria a retirada da actual edición e a elaboración dunha nova versión que pase polos correspondentes controis técnicos. A formación reclama revisar os contidos, comprobar as fontes históricas, corrixir os erros lingüísticos e garantir que todas as fotografías conten coa súa autoría correctamente identificada.

«Non se trata de ocultar os erros ou de facer como se nada tivese pasado. O correcto é retirar a guía, revisar os contidos, comprobar as fontes históricas, corrixir os erros lingüísticos e garantir que todas as fotografías conten coa súa autoría correctamente identificada», explicou a portavoz socialista.

Finalmente, González Abelleira reclamou ao Goberno local que recupere o criterio profesional dos servizos municipais e poña os recursos técnicos da cidade ao servizo da promoción turística. «Lugo ten patrimonio, historia e recursos turísticos de primeira orde. O que necesita é unha promoción á altura desa realidade», concluíu.

0.12501120567322