O PSOE reclamará 11,4 millóns de euros á Xunta para impulsar o Museo da Romanización no cuartel de San Fernando

LugoXa
Miguel Fernández anuncia unha emenda aos orzamentos autonómicos e denuncia o agravio comparativo con outras cidades galegas, mentres ofrece a Elena Candia acudir xuntos ante Rueda para reclamar o financiamento
Cuartel-Vello-San-Fernando-Lugo
6 Nov 2026

O portavoz do Grupo Municipal Socialista e alcaldable do PSOE en Lugo, Miguel Fernández, anunciou que o Partido Socialista presentará unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galicia no Parlamento autonómico para reclamar unha partida de 11,4 millóns de euros destinada ao Museo da Romanización no antigo cuartel de San Fernando. O socialista considera que o Goberno galego debe asumir o investimento necesario para desenvolver un proxecto que leva máis de quince anos pendente.

Fernández realizou o anuncio nunha comparecencia diante do edificio, que cualificou como unha reivindicación histórica e un clamor social. O portavoz denunciou a falta de compromiso dos sucesivos gobernos autonómicos e reclamou que a Xunta incorpore os recursos necesarios para converter o cuartel nun equipamento cultural de referencia para Galicia.

O socialista tamén denunciou o que considera un agravio comparativo con outras cidades galegas, ao lembrar que a Xunta destina 17 millóns de euros á recuperación do Pazo de Lourizán e compromete case 10 millóns para o Cine Fraga de Vigo, mentres que para o Museo da Romanización de Lugo ofrece unha achega de apenas 500.000 euros. Segundo Fernández, trátase dun proxecto valorado en arredor de 15 millóns de euros no que a Administración autonómica debe asumir a maior parte do financiamento.

As críticas estendéronse tamén á alcaldesa, Elena Candia, á que acusou de non defender os intereses de Lugo diante da Xunta. Fernández cuestionou que o actual Goberno local destine os 3,8 millóns de euros que o anterior Executivo municipal deixara consignados para San Fernando a actuacións que considera insuficientes, como as obras na cuberta e na envolvente do edificio. Ao seu xuízo, estas intervencións non substitúen a necesidade dun proxecto museístico integral, cunha planificación, programación e financiamento adecuados.

O portavoz socialista cualificou de "moralmente sancionable" que Candia pretenda apropiarse politicamente deses fondos e insistiu en que as actuacións parciais non resolven o bloqueo do museo. Ademais, lembrou que os 3,8 millóns foran incorporados aos orzamentos polo anterior Goberno local, malia contar co voto en contra dos populares.

Finalmente, Fernández ofreceuse a acompañar a Candia nunha reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para reclamar conxuntamente os 11,4 millóns de euros. "Non teño ningún problema en deixar á marxe as diferenzas políticas se se trata de defender os intereses de Lugo", asegurou. O socialista tamén cuestionou o cambio de posición da alcaldesa respecto ao futuro do cuartel, ao lembrar que anteriormente defendera a súa conversión nun parador.

0.13983201980591