Presentan as obras de recuperación do Cuartel de San Fernando e solicitan os fondos do 2 % Cultural

LugoXa
A primeira intervención, con 500.000 euros da Xunta e actuacións orzamentadas en 2,54 millóns, permitirá renovar a cuberta e a fachada, habilitar un auditorio e unha sala polivalente e crear unha praza axardinada
presentacion-Rehabilitación-Cuartel-San-Fernado-Concello-de-Lugo
5 Nov 2026

O Concello de Lugo comezará a recuperación do antigo Cuartel de San Fernando cunha primeira intervención financiada coa colaboración da Xunta de Galicia, sen renunciar ao proxecto integral para converter o inmoble no Museo da Romanización. A alcaldesa, Elena Candia, confirmou que o Concello volverá presentarse á convocatoria do 2 % Cultural, despois de que o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana excluíse provisionalmente a proposta lucense.

O goberno local solicitou información para coñecer a puntuación obtida polo proxecto, que contempla un investimento global de 15,2 millóns de euros para rehabilitar os 4.240 metros cadrados do antigo cuartel e convertelo nun equipamento cultural dedicado á conservación, investigación e divulgación do legado romano e castrexo de Lugo. O Concello asegura que tiña reservados 3.800.308,90 euros para asumir a súa achega municipal e que remitira os informes favorables das obras solicitados polo Ministerio o pasado 23 de xullo.

Á marxe desta convocatoria, o Concello impulsará unha primeira fase de recuperación con 500.000 euros orzamentados pola Xunta. Os traballos centraranse inicialmente na envolvente do edificio, coa renovación dos 2.910 metros cadrados de cuberta de lousa, que conta cun orzamento de 1.045.413,02 euros, e a rehabilitación da fachada, incluída a renovación da carpintería, os cristais e as reixas das ventás, cun investimento de 710.000 euros.

A intervención tamén permitirá recuperar espazos interiores do inmoble. No soto do edificio acondicionarase un auditorio de 122,8 metros cadrados con capacidade para 90 persoas, ademais dunha sala polivalente para acoller diferentes actividades.

Outra das actuacións desenvolverase na parte posterior do cuartel, na rúa Quiroga Ballesteros, entre Amor Meilán e San Froilán. Alí habilitarase unha praza pública axardinada, unha demanda trasladada pola veciñanza, e abrirase un novo acceso ao auditorio e á sala polivalente. Estas obras contan cun orzamento de 2,54 millóns de euros.

O proxecto inclúe así mesmo traballos arqueolóxicos nunha superficie de 139,62 metros cadrados do patio e o control arqueolóxico dos terreos da parte traseira do edificio. Con esta primeira fase, o Concello pretende mellorar o estado de conservación do antigo cuartel e recuperar espazos para o uso cidadán, mentres continúa buscando financiamento para desenvolver o Museo da Romanización en toda a súa dimensión.

O BNG CRITICA A APORTACIÓN DA XUNTA DE GALICIA

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, reclamou á Xunta que asuma o financiamento necesario para completar a recuperación do Cuartel de San Fernando, despois de confirmarse que o proxecto non recibirá fondos do 2 % Cultural. Arroxo considera insuficientes os 500.000 euros que o Goberno galego inclúe ano tras ano nos seus orzamentos e reclama unha partida que permita afrontar a rehabilitación integral do edificio.

O nacionalista destacou que o anterior goberno municipal deixou consignados 3,8 millóns de euros para a primeira fase das obras, o que, segundo afirmou, demostra o compromiso do Concello co proxecto. Lembrou tamén que a administración local adquiriu o inmoble ao Ministerio de Defensa por 2,4 millóns de euros, nun proceso que rematou en 2005, coa intención de recuperar este edificio do centro histórico e coa expectativa de contar coa colaboración económica da Xunta.

O BNG pide que os próximos orzamentos autonómicos inclúan fondos suficientes para completar a rehabilitación e impulsar o futuro Museo da Galicia Galaico-Romana. Arroxo considera que se trata dunha débeda pendente da Xunta con Lugo e criticou que, desde a chegada do PP ao Goberno galego en 2009, os investimentos anunciados para o cuartel non se materializasen.

O proxecto de rehabilitación estaba valorado inicialmente en máis de dez millóns de euros. Arroxo insistiu en que a perda dos fondos estatais fai necesario que a Xunta concrete o seu compromiso económico para que a recuperación do edificio poida avanzar.

infografías-rehabilitación-Museo-da-Romanización-Lugo
0.15725612640381