O San Froilán 2026 ofrecerá 346 actividades e substituirá os fogos artificiais por un gran espectáculo de drons

GaliciaXa | LugoXa
O programa completo das festas de Lugo inclúe 17 propostas deportivas e 19 de artesanía e cultura, ademais de concertos, espectáculos, actividades familiares e novas iniciativas repartidas durante toda a celebración
presentación-programa-San-Froilán-2026
25 Sep 2026

O Concello de Lugo presentou o programa completo do San Froilán 2026, que reunirá 346 actividades entre o 4 e o 12 de outubro. Baixo o lema dun "San Froilán para todos", as patronais ofrecerán propostas musicais, culturais, familiares, deportivas e de lecer repartidas por diferentes puntos da cidade.

A programación incluirá 47 actividades do San Froilán Miúdo, máis de 40 pasarrúas, 13 corais, 13 orquestras, 17 propostas deportivas e 19 actividades relacionadas coa artesanía, a gastronomía e a cultura. Os escenarios municipais ofrecerán propostas gratuítas e o programa contará tamén cunha ampla presenza de agrupacións e artistas locais.

O pregón será o domingo 4 de outubro ás 12.00 horas desde o balcón da Casa do Concello e correrá a cargo de Sonsoles Ónega. Media hora despois, ás 12.30 horas, Os Pelúdez entre nós, os Xigantes e Cabezudos e Cantigas e Frores percorrerán a praza Maior e diferentes rúas do centro da cidade.

Un San Froilán máis amable e accesible

O programa incorpora un apartado específico para avanzar cara a unhas festas máis amables e accesibles. Entre as medidas figura a ausencia de fogos artificiais con foguetes, co obxectivo de reducir o impacto do ruído e facilitar a participación de persoas e animais especialmente sensibles.

Tamén se establecerá "A hora sen ruído", entre as 17.00 e as 18.00 horas do 4 ao 12 de outubro, período no que as barracas reducirán o nivel sonoro no recinto feiral. Ademais, ofrecerase un servizo de préstamo de cascos antirruído para as persoas que os precisen.

47 propostas no San Froilán Miúdo

A programación infantil e familiar reunirá 47 actividades con espectáculos, música, xogos, propostas itinerantes e iniciativas creativas. Entre elas estarán as actuacións itinerantes de Diminuts e Carrusel Ambulante, así como os espectáculos de Pica Pica, Triplette, La Caixeta, Zirco Zaurre, Xogos ao Grande, Xogar de Breogán e a Granola Gominola.

A oferta infantil incluirá tamén o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, previsto para o domingo 11 de outubro ás 18.30 horas no patio do Edificio Administrativo do Concello.

Os máis pequenos xa puideron achegarse ao espírito das festas a través das visitas dos Pelúdez, que completaron as súas 30 visitas a centros educativos, escolas infantís e ao HULA.

A mocidade contará tamén con propostas específicas, entre elas o espazo Hip Hop, San Froidance e Electronic Lucus Fest.

Concertos, verbenas e música local

A programación musical distribuirase por diferentes escenarios e combinará concertos gratuítos, música tradicional, artistas galegos e formacións e intérpretes locais.

As 13 orquestras repartiranse por catro localizacións ao longo dos nove días de festas, con verbenas todos os días. Na praza Maior actuarán Marbella, Principal, Los Satélites, Acordes, Grupo Beatriz, Punto Clave, América, Suavecito, Escaparate e Costa Dorada. A programación incluirá tamén París de Noia en Augas Férreas, Panorama City no Agro do Rolo e La Panorama en San Fiz.

Pola súa parte, a praza de Santa María contará con programación propia vinculada á música tradicional, á cultura galega e ás agrupacións locais, con corais, bandas, gaiteiros, zanfonas, danza e outras propostas culturais.

O San Froilán incluirá ademais 17 actividades deportivas en diferentes instalacións e espazos da cidade. O programa contempla competicións e exhibicións de xudo, fútbol sala, voleibol, baloncesto, tenis, golf, atletismo, fútbol, billar, petanca e automobilismo, con citas como o 51º Trofeo San Froilán de Xudo, o XXV Torneo de Tenis, o XXX Torneo de Golf, a III Milla Urbana Lucus, encontros do Breogán, do CD Lugo e do Ensino e o 48 Rali San Froilán, entre outras.

O apartado de outras actividades reunirá 19 propostas vinculadas á artesanía, a gastronomía e a cultura. Entre elas estará a Feira de Artesanía e Gastronomía Gastroarte, coa participación de diferentes profesionais, así como unha feira de antigüidades que se instalará na Mosquera.

As actividades estarán repartidas por diferentes espazos e barrios da cidade, co obxectivo de levar o San Froilán máis alá dos grandes escenarios. Como novidade, o último día das festas tamén se celebrará un espectáculo de drons.

Unha nova benvida ao recinto feiral

Outra das novidades desta edición será a instalación de "Alento", unha escultura de madeira de grandes dimensións realizada polo escultor Xoán Vila e que representa a figura dun gaiteiro.

A peza estará situada na rotonda de Ramón Ferreiro, no punto no que habitualmente se instalan os romanos do Arde Lucus, e funcionará como novo elemento de benvida ao recinto feiral.

As barracas e as casetas do polbo abrirán este sábado 26 de setembro, dous dos elementos máis recoñecibles das festas e que volverán converter o recinto feiral nun dos principais puntos de encontro do San Froilán.

0.51292896270752