Pedrafita do Cebreiro analiza os retos ambientais e económicos do vacún de carne

O Edificio de Servizos Múltiples de Pedrafita do Cebreiro acolleu unha xornada técnica sobre a xestión medioambiental das explotacións de vacún de carne, organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA co apoio da Deputación de Lugo e a colaboración de Unións Agrarias-UPA e do Concello. O encontro reuniu profesionais do sector para analizar a situación actual da gandería de carne e os principais desafíos económicos, sanitarios e normativos aos que se enfronta.
A apertura contou coa participación do vicesecretario xeral de Unións Agrarias-UPA, Félix Porto, e do alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo. Durante a xornada púxose o foco nas dificultades para manter a rendibilidade das explotacións, nun contexto marcado polo incremento dos custos e polas novas esixencias medioambientais.
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, explicou que este encontro forma parte das reunións habituais coa produción cárnica da montaña lucense para avaliar a evolución económica, os prezos e o papel da gandería extensiva na xestión do territorio e na prevención dos incendios. Tamén advertiu das dificultades para garantir a continuidade das explotacións pola falta de relevo xeracional e a escaseza de servizos públicos no rural.
García identificou tres factores que están condicionando especialmente o sector nos últimos meses: a aparición de novas enfermidades no vacún de carne, a caída dos prezos pola pechadura das fronteiras con Marrocos e o norte de África e o encarecemento dos custos de produción. Neste último apartado referiuse ao aumento dos prezos da enerxía e dos fertilizantes, así como ao gasto adicional en forraxes debido á seca.
O responsable sindical sinalou que estes sobrecustos non se están trasladando aos prezos da carne e que, segundo os estudos recentes aos que fixo referencia, o importe que reciben os produtores por quilo apenas cobre os custos reais de produción. Neste escenario, destacou a dependencia das axudas da Política Agraria Común (PAC) para manter a viabilidade económica das explotacións.
Precisamente, a evolución da PAC foi outro dos asuntos que centrou a análise. García expresou a súa preocupación ante a posible redución de máis dun 22 % do orzamento comunitario e o debate sobre unha eventual renacionalización das axudas, que permitiría a cada país decidir o apoio ao sector en función da súa capacidade orzamentaria. Ao seu xuízo, as decisións que se adopten serán determinantes para o futuro do vacún de carne en extensivo nas comarcas interiores.
Pola súa banda, o deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, foi o encargado de clausurar o encontro, acompañado pola directora xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Elena Busutil, e polo propio Roberto García.
Na súa intervención, Arias vinculou directamente o futuro do rural coa continuidade da actividade agrogandeira. "O futuro dos nosos concellos vai ligado indisolublemente ao futuro do sector primario", afirmou. Tamén advertiu de que "non hai fixación de poboación, non hai dinamismo demográfico nin hai loita efectiva contra o despoboamento se non defendemos e apoiamos ás nosas granxas familiares".
O representante provincial defendeu que as esixencias de sustentabilidade ambiental deben ir acompañadas de medidas concretas para as explotacións. Neste sentido, reclamou "un respaldo administrativo real e axudas directas", ademais de prezos xustos en orixe e garantías ante os cambios previstos na PAC e os efectos das novas enfermidades sobre a cabana gandeira.
Enfermidades, mercados e PAC, no centro do debate
O programa incluíu unha mesa redonda baixo o título 'Análise da situación do sector cárnico de vacún e perspectivas de futuro', moderada por José Rodríguez, responsable da Área de Vacún de Carne de Unións Agrarias-UPA.
O veterinario clínico Juan Carlos López Loureiro analizou o impacto das novas enfermidades na cabana gandeira, mentres que José Ramón González, responsable de Gandería de UPA, abordou a situación dos mercados do vacún de carne. Pola súa banda, Fernando Fernández, integrante do gabinete técnico da organización, centrou a súa intervención no futuro da Política Agraria Común.
A xornada rematou cun xantar de confraternización entre as persoas asistentes, que permitiu intercambiar experiencias e compartir reflexións sobre os retos que afronta a gandería de vacún de carne na montaña lucense.