Reclaman actuacións urxentes nas pistas da parroquia de Castelo

LugoXa
A entidade apoia as demandas da Asociación Veciñal Camiño Primitivo de Castelo e denuncia o deterioro das infraestruturas e a falta de mantemento da rede viaria
estrada-parroquia-Castelo-Lugo
7 Jul 2026

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti expresou a súa preocupación polo estado das pistas e camiños da parroquia de Castelo, facendo súas as reivindicacións trasladadas pola Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Camiño Primitivo de Castelo, creada recentemente e que, segundo destaca a federación, xa iniciou diversas accións para mellorar as condicións da parroquia.

Segundo explican desde a Federación, a asociación realizou nas últimas semanas un traballo de análise sobre a situación das infraestruturas da zona, percorrendo os distintos camiños, recollendo as demandas da veciñanza e documentando o estado da rede viaria.

O resultado deste estudo, aseguran, revela unha situación preocupante, con pistas deterioradas, firme en mal estado e abundante vexetación que invade as marxes e, nalgúns puntos, tamén parte da calzada, dificultando a circulación e comprometendo a seguridade das persoas usuarias.

A Federación afirma que puido comprobar persoalmente estas deficiencias e considera que o estado actual das infraestruturas é incompatible coas condicións que debería garantir un municipio tanto nas zonas urbanas como nas parroquias rurais. Segundo sinala, existen numerosos treitos con fochancas, falta de mantemento e vexetación sen controlar, o que dificulta o tránsito diario dos veciños.

A entidade quixo recoñecer tamén o labor desenvolvido pola Asociación Veciñal Camiño Primitivo de Castelo, destacando o papel do movemento veciñal na identificación dos problemas da contorna, na mobilización da cidadanía e na defensa de melloras para o rural.

Por este motivo, a Federación insta ao Concello de Lugo e, en particular, á Concellería de Medio Rural, a acometer con carácter urxente os traballos de limpeza, roza e reparación necesarios para recuperar unhas condicións adecuadas de seguridade e transitabilidade nas pistas da parroquia.

Finalmente, a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti asegura que continuará apoiando á Asociación Veciñal Camiño Primitivo de Castelo nas xestións que sexan necesarias e manterá o seguimento desta situación ata que se executen as actuacións reclamadas.

0.097856998443604