Rubén Arroxo mostra "preocupación" pola continuidade de proxectos municipais ante a posible moción de censura

LugoXa
O goberno local advirte da incerteza sobre actuacións en marcha e proxectos xa aprobados como a pasarela da República Arxentina ou o Carril das Flores
pasarela-carril-das-Flores-Lugoo
29 Apr 2026

O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, recoñeceu a existencia de “preocupación” polo futuro de varios proxectos municipais ante o posible cambio de goberno local, despois de que o 7 de maio se debata en pleno unha moción de censura presentada polo Partido Popular tras un acordo coa ex socialista e concelleira non adscrita María Reigosa.

Arroxo sinalou que algunhas actuacións xa en marcha deben rematarse, como o Carril das Flores, mentres que outras recentemente aprobadas, como a pasarela sobre a Ronda da República Arxentina, deberían continuar o seu desenvolvemento con normalidade.

Porén, advertiu da incerteza que afecta a outras iniciativas consideradas relevantes, como a adquisición dunha vivenda no Carril das Flores para resolver un problema urbanístico, a creación de rotondas para substituír semáforos, a construción de novos aparcadoiros —entre eles un de 100 prazas xunto aos conservatorios— ou melloras de seguridade en contornas escolares e infraestruturas como o Leira Parking.

O responsable municipal indicou que existe preocupación sobre a continuidade destas actuacións e sinalou que non está claro como quedarán estes proxectos no novo escenario político.

Arroxo tamén afirmou que, no caso de non continuar no goberno, o seu grupo seguirá traballando desde a oposición para fiscalizar o cumprimento dos proxectos e garantir que a cidade non se paralice. Ademais, asegurou percibir unha “indignación moi grande e transversal” na sociedade lucense pola situación política actual, destacando a elevada participación cidadá nas mobilizacións recentes e defendendo que a veciñanza quere preservar a democracia con independencia de quen goberne.

0.12203788757324