As obras do Carril das Flores avanzan coa apertura ao tránsito peonil da nova pasarela

As obras de renovación integral do Carril das Flores continúan avanzando e entran nunha nova fase coa apertura ao paso peonil da nova pasarela construída na contorna. O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, destacou que a actuación permitirá eliminar “un dos puntos de maior deterioro urbano da cidade”, creando un espazo máis amable, accesible e integrado co Camiño Primitivo e coa Muralla.
Segundo explicou, o inicio da colocación da nova estrutura supón un fito relevante dentro dun proxecto que busca transformar por completo esta zona da cidade. A intervención converterá o Carril das Flores nunha plataforma única con prioridade peonil, incorporando tamén novas zonas verdes, espazos de convivencia e a renovación completa dos servizos urbanos.
A actual pasarela situada na área próxima á rolda da Muralla está a ser substituída por unha nova estrutura metálica lixeira asentada sobre piares e vigas con cimentación soterrada. Esta solución permitirá conservar á vista o muro orixinal e ampliar a anchura da parte inferior en, polo menos, 1,2 metros.
O deseño busca ademais unha integración estética co entorno da Mosqueira e coa praza do Camiño Primitivo, ofrecendo continuidade visual ao longo de todo o Carril das Flores. Na parte superior manterase o pavimento de plaqueta, mentres que se habilitará unha calzada de formigón xunto cunha zona peonil en granito, acompañada de xardineiras de aceiro Corten e novo mobiliario urbano.
Na zona inferior executarase un falso teito en cor clara para xerar contraste coa estrutura metálica e mellorar a imaxe visual do conxunto, transformando de maneira significativa este espazo.
A rúa converterase nunha plataforma única na que quedarán claramente diferenciadas as áreas destinadas ao tránsito peonil e á circulación dos vehículos que saian do aparcadoiro. O novo pavimento será de formigón e incluirá espazos axardinados e bancos.
Tamén se renovará por completo o sistema de iluminación, soterrando canalizacións e ampliando a rede co obxectivo de eliminar as zonas escuras. Para iso reutilizaranse columnas de fundición recuperadas do casco histórico, ao tempo que se avanzará na implantación de tecnoloxía LED.
No apartado hidráulico, mellorarase a drenaxe mediante a instalación dunha canaleta lonxitudinal para recoller a auga superficial da calzada. Ademais, substituiranse as canalizacións de saneamento e abastecemento, retirando o PVC para instalar fundición dúctil, novas bocas de rego e incendio, así como rego automático nas futuras zonas verdes.