Supervisan en Antas de Ulla diferentes investimentos para mellorar servizos e infraestruturas

LugoXa
Carmela López destaca a cooperación cos concellos para impulsar actuacións que favorezan a mobilidade, o turismo e a fixación de poboación no rural
Visita-institucional-Antas-de-Ulla-26
27 May 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e a alcaldesa de Antas de Ulla e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, visitaron diferentes actuacións financiadas pola institución provincial no municipio.

O percorrido comezou no sur do municipio, preto do límite con Monterroso. Na parroquia de Olveda, as responsables provinciais avanzaron á veciñanza que a través do Parque Móbil da Deputación se acometerá nos próximos días o arranxo da estrada que comunica ambos municipios pola zona de Sindín.

Durante a visita tamén comprobaron o resultado das actuacións realizadas polo equipo provincial en diferentes núcleos rurais, entre eles Vilance e Timós. Ademais, supervisaron os traballos de roza e desbroce que a Deputación está executando nas estradas provinciais ao seu paso polo concello.

Posteriormente, desprazáronse ao casco urbano para visitar outra actuación considerada estratéxica para a rede viaria local, executada polo Concello con cargo ao Plan Deputación 2024. As mandatarias percorreron a rúa Miguel Ángel Blanco, unha das vías centrais da localidade na que se concentran diversos servizos públicos, e a rúa O Carrizal, de carácter máis residencial. En ambas realizáronse actuacións de pavimentación e mellora do firme cun investimento próximo aos 30.000 euros.

A xornada concluíu cunha visita á Casa Consistorial, onde está prevista a execución de obras de reparación da cuberta grazas a unha nova achega provincial superior aos 34.000 euros.

Na visita estiveron acompañadas polos concelleiros José Manuel Quintá, Ana María Guerreiro, José Ouro e José Manuel Almuiña. O percorrido enmárcase na rolda de visitas que a presidenta provincial está a realizar por distintos municipios para coñecer de primeira man a realidade local e o estado dos proxectos impulsados en colaboración cos concellos.

Durante a xornada, Carmela López subliñou que a cooperación cos municipios constitúe unha das prioridades da Deputación, ao considerar que son as administracións “que mellor coñecen as necesidades de cada territorio e as máis próximas á veciñanza”. Neste sentido, destacou que a colaboración con Antas de Ulla permite avanzar en actuacións estratéxicas relacionadas coa mellora da mobilidade, a rehabilitación de edificios públicos e outras iniciativas orientadas a favorecer a fixación de poboación no rural.

A presidenta provincial anunciou tamén que as obras do Parque Central de Galicia están xa rematadas e que a súa inauguración terá lugar este verán. Definiuno como “un polo de atracción turística para a contorna” e coincidiu con Pilar García Porto en sinalar que esta infraestrutura constitúe “un recurso singular polo seu valor simbólico e xeográfico”, reforzando a posición do municipio dentro da oferta de turismo de interior. Ademais, indicaron que o parque, situado na parroquia de Nugallás, contribuirá á dinamización da economía local e ao impulso dos servizos de proximidade.

0.12660694122314