Un libro recupera máis de tres décadas de memoria oral das terras do Cebreiro

LugoXa
A publicación reúne cantigas, lendas, adiviñas, refráns e romances recompilados inicialmente por alumnado do CPI Uxío Novoneyra durante o curso 1993/94
presentacion-Literatura-de-tradición-oral-nas-terras-do-Cebreiro
18 Aug 2026

As voces, expresións e historias transmitidas durante xeracións nas terras do Cebreiro quedan recollidas nun volume de máis de 300 páxinas que busca preservar unha parte esencial do patrimonio inmaterial da zona. "Literatura de tradición oral nas terras do Cebreiro" foi presentado no CPI Uxío Novoneyra, centro que tivo un papel fundamental na orixe dun traballo que comezou hai máis de tres décadas.

A publicación, editada polo Servizo de Publicacións da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, recompila cantigas, lendas, adiviñas, refráns e romances que permiten achegarse á riqueza da tradición oral deste territorio.

A orixe do proxecto remóntase ao curso 1993/94, cando María Isabel Fernández, mestra procedente do Bierzo, propuxo ao alumnado de sétimo e oitavo de EXB realizar un traballo de recollida entre a veciñanza. Aqueles estudantes, aos que a docente lembrou como "nenas e nenos brillantes, responsables e con moitas ganas de aprender", trasladaron ao papel historias e expresións que formaban parte da memoria das súas familias e comunidades.

Parte dese material consérvase agora tal e como foi elaborado polos escolares. O libro inclúe páxinas en edición facsímile nas que se reproducen os apuntamentos e debuxos orixinais daquela experiencia educativa, convertendo o volume tamén nun testemuño do traballo desenvolvido no colexio nos anos noventa.

A recompilación inicial complétase con materiais incorporados posteriormente e con textos achegados por Gaspar M. Méndez Fuentes, aos que se suman contribucións de Inés López Fernández e da profesora Laura Balboa Aira. Esta última salientou durante a presentación o valor lingüístico da obra, especialmente pola conservación dos trazos dialectais propios da zona.

A deputada de Cultura, Iria Castro, destacou que a conservación do patrimonio inmaterial forma parte das liñas de traballo do Servizo de Publicacións. "A documentación do patrimonio inmaterial é unha das tarefas que asumimos, conscientes da importancia de manter esa memoria para as xeracións vindeiras", explicou.

Castro puxo tamén o foco na orixe escolar da iniciativa e reivindicou "a importancia dun profesorado comprometido co territorio e coa educación pública" para impulsar proxectos capaces de recuperar e conservar a memoria colectiva.

"Literatura de tradición oral nas terras do Cebreiro" incorpórase á colección Procura do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, coordinada por Xosé Brais García Fernández. O volume converte así unha iniciativa educativa nacida hai máis de trinta anos nunha ferramenta para preservar e transmitir ás novas xeracións a riqueza oral, lingüística e cultural do Cebreiro.

0.12754011154175