Unha inscrición sen descifrar en Santo André das Nogais abre novas incógnitas sobre a historia do templo

GaliciaXa | LugoXa
O Colectivo Patrimonio dos Ancares anima a especialistas a estudar unha epígrafe que podería datar do século IX nunha das igrexas máis antigas da comarca
Igrexa-Santo-André-As-Nogais
4 Jul 2026

O Colectivo Patrimonio dos Ancares fixo un chamamento a persoas especialistas en epigrafía para intentar descifrar unha inscrición localizada na igrexa de orixe prerrománica de Santo André das Nogais, considerada a máis antiga da comarca dos Ancares. O obxectivo é continuar afondando na historia deste edificio histórico, que conserva elementos de diferentes épocas e que, segundo denuncian, sofre un grave estado de deterioración.

A inscrición está gravada sobre pedra e, malia ser coñecida polos veciños da zona, o colectivo sinala que non atopou referencias á mesma nas distintas publicacións e estudos consultados sobre o templo. Traballos históricos como Geografía General del Reino de Galicia. Provincia de Lugo, de Amor Meilán, publicada en 1928, ou A eirexa prerrománica dos Nogales, de Bouza Brey, editada en 1934, así como outras investigacións posteriores, non recollen mención algunha a esta epígrafe.

Segundo explican, unha das posibles razóns desta ausencia sería a escasa visibilidade da inscrición, situada nun punto pouco accesible do templo, ademais do reducido tamaño das letras, que na maioría dos casos apenas alcanzan medio centímetro de altura.

Aínda que o colectivo coñecía a existencia da inscrición dende hai anos, as dificultades para a súa interpretación mantiveron abertas numerosas incógnitas. Tras múltiples análises e consultas, e coa colaboración do investigador Antonio M. Leira Noche, consideran que poderían achegar unha primeira hipótese, aínda que insisten en que debe ser tomada con cautela.

A epígrafe localízase na xamba que sostén o arco da porta lateral sur, unha estrutura con tendencia á ferradura e con elementos decorativos destacados. A inscrición, realizada sobre pedra calcaria, consta de dúas liñas de texto. Os investigadores consideran que puido ser máis extensa inicialmente, xa que localizaron unha letra illada na parte superior do sillar, mentres que o resto podería terse perdido ou borrado co paso do tempo. Outra posibilidade é que quen a gravou iniciase o texto na parte superior e decidise continuar posteriormente na inferior.

A análise realizada apunta a que podería tratarse dunha escritura semiuncial latina, realizada por alguén con coñecementos da arte da escritura. O que aínda descoñecen é se a pedra foi reutilizada procedente doutro espazo do templo ou se a inscrición se realizou unha vez colocada no seu emprazamento actual.

No referente ao posible significado do texto, e tendo en conta a presenza de abreviaturas, unións entre letras e o desgaste existente nalgunhas zonas, a hipótese formulada apunta a unha orixe vinculada ao Evanxeo de San Xoán. Con todas as reservas, propoñen a lectura “Veritas quid est / Vir est qui adest”, que podería traducirse como “Que é a verdade? / O home está presente (ou diante de ti)”, unha referencia ao diálogo entre Pilatos e Cristo. Pola tipoloxía da escritura, estiman que podería datarse no século IX, reforzando así a antigüidade da igrexa.

Máis aló da interpretación proposta, o colectivo insiste en que a súa intención principal é animar a persoas expertas a analizar a inscrición, xa sexa para confirmar esta hipótese ou para achegar correccións que permitan avanzar no coñecemento histórico do monumento.

Patrimonio dos Ancares tamén aproveita para alertar do estado de abandono que sofre este edificio, no que conviven restos prerrománicos, románicos e góticos. A pesar de contar coa máxima protección patrimonial tras a súa declaración como Ben de Interese Cultural no ano 1995, denuncian que tanto o interior como o exterior presentan un deterioro preocupante e advirten de que, se non se actúa con urxencia, o templo podería acabar formando parte da longa lista de monumentos en ruínas existentes en Galicia.

0.086930990219116