Aprobada por unanimidade a carreira profesional para o persoal municipal do Concello de Lugo

A Corporación Municipal de Lugo aprobou este xoves por unanimidade a proposta de aprobación inicial do Regulamento da carreira profesional horizontal e de avaliación do desempeño do Concello de Lugo, que permitirá avanzar na implantación da carreira profesional do persoal municipal.
Durante a sesión plenaria tamén se aprobou por unanimidade a modificación da ordenanza municipal de protección ambiental.
Antes do pleno, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, anunciou que xa foron adxudicadas as cámaras que se instalarán no contorno das rúas Tui e Luis Seoane, dúas das vías da cidade nas que se rexistran máis altercados e que concentran numerosas queixas veciñais. Segundo explicou, a instalación destes dispositivos comezará a próxima semana.
Os incidentes rexistrados nesta zona están relacionados con dous locais de ocio nocturno que levan anos xerando queixas cidadás e confrontación política.
AS MOCIÓNS DO BNG, REXEITADAS
Pola súa banda, O BNG defendeu no pleno do mes de setembro dúas proposicións para reclamar á Xunta de Galiza maior lexislación sobre as plantas de biometano e para reclamar ao Goberno Municipal que deixe de usar "de xeito sistemático" a Intelixencia Artificial Xerativa nas publicacións municipais.
Ambas propostas foron rexeitadas co voto en contra do PP e da edil tránsfuga. Arroxo criticou a "posición do non" do PP, que se abstivo no Concello a última vez que se trouxo unha proposición similar e votou en contra no Parlamento Galego e no Concello.
Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo, defendeu a proposta do BNG para reclamar á Xunta de Galiza unha lexislación máis restrictiva no caso das industrias potencialmente contaminantes como o caso das plantas de biogás, que garanta unha separación suficiente respecto dos núcleos de poboación e vivendas. Arroxo afirmou que "a actualización da Ordenanza Municipal de Protección Ambiental é un paso necesario e importante, pero pode quedar nun xesto simbólico ante os proxectos de interese estratéxico da Xunta, que non teñen a obriga de cumprir as normativas municipais".
"Non abonda con aprobar ordenanzas municipais se despois a Xunta pode aprobar proxectos que non teñan que cumprir esa ordenanza", sinala Arroxo. O BNG reclama que a lexislación galega garanta a mesma separación de 3 Km que se prevé na modificación da ordenanza municipal que o PP levará ao vindeiro pleno. Arroxo lembrou que "o pleno municipal xa reclamou no ano 2025 unha maior protección legal fronte a este tipo de instalacións, a través dunha iniciativa do BNG que non contou co apoio do PP". Para o BNG, a Xunta debe garantir que calquera proxecto industrial se implante con seguridade, transparencia e respecto polos núcleos de poboación.
"A figura dos proxectos de interese estratéxico concentra a capacidade de decisión na Xunta e que reduce o papel dos concellos", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "é necesario que o Goberno galego fixe regras claras que permitan a convivencia da veciñanza coas iniciativas empresariais". O BNG insiste na urxencia de establecer un marco normativo que regule a distancia das plantas respecto ás vivendas, o tamaño das instalacións e a xestión dos residuos.
O BNG presentou outra proposición onde defendeu instar ao goberno "a non utilizar Intelixencia Artificial Xerativa na promoción da actividade municipal". A concelleira Maite Ferreiro defendeu a proposta e lembrou que "desde a moción de censura do PP e da concelleira tránsfuga, o uso da IA converteuse na solución do goberno para anunciar todo tipo de actividades, o que supuxo unha merma de calidade nas publicacións". Ferreiro lembrou que diversos colectivos profesionais de deseñadoras e deseñadores, ademáis da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón fixeron público o seu malestar por esta decisión do goberno do PP.
Nos últimos meses, o goberno utilizou solucións de IA Xerativa na promoción de todo tipo de actividades municipais, tanto para o material divulgativo da actividade municipal, como se pode ver no novo boletín cultural, como para os anuncios de actividades e eventos, como unha excursión a Betanzos organizada para o 13 de agosto ou o propio cartel que anunciaba o concurso de carteles do San Froilán e do San Froilán Miúdo "o que supuxo unha gran onda de críticas á xestión do Partido Popular".
Baixo o termo Intelixencia Artificial (IA), agrúpanse unha serie de avances tecnolóxicos pensados con diversos fins. A IA consiste nun algoritmo capaz de resolver un problema a través dunha serie de datos de partida. Dentro deste grupo de tecnoloxías destaca a IA xerativa, algoritmos preparados para xerar contidos que den unha solución ao problema proposto a través dos datos introducidos en linguaxe humana.
As empresas detrás destes modelos de IA xerativa precisan utilizar miles de imaxes para adestrar os seus modelos. Na súa batalla polo mellor conxunto de datos de partida, moitas destas empresas están a utilizar imaxes de pequenas epequenos artistas sen que estas vexan ningún tipo de gratificación polo seu traballo, o que está precarizando aínda máis as profesións artísticas.
Múltiples persoas expertas destacan que na actualidade, o uso da IA xerativa na artesupón riscos para a propiedade intelectual (especialemente durante o adestramento dos modelos) e a xeración de "deepfakes" (imaxes de persoas reais xeradas sen consentemento), o que para moitos converte esta tecnoloxía nunha ferramenta "perigosa e ineficaz" ao mesmo tempo. Por outra banda, neste momento, o desenvolvemento tecnolóxico aínda segue en proceso, o que fai que os modelosactuais cometan erros graves na xeración do contido final.
O PSOE SACA PEITO NO TEMA DAS FOSAS SÉPTICAS
O Grupo Municipal Socialista celebrou que a proposición presentada por Miguel Fernández para crear un servizo municipal de recollida de fosas sépticas a domicilio no rural saia adiante e permita avanzar na resolución dunha das necesidades máis concretas que afectan ás familias das parroquias que aínda non dispoñen de rede pública de saneamento.
Os socialistas consideran que a aprobación desta iniciativa representa un avance para a igualdade de servizos entre o centro urbano e o rural e reivindican que a proposta naceu dunha realidade moi concreta: existen veciños e veciñas que viven en núcleos sen conexión á rede de saneamento e que deben asumir directamente a xestión e o custo do baleirado das súas fosas sépticas.
“Estamos falando dun servizo básico. Vivir nunha parroquia non pode significar ter que resolver individualmente cuestións que no centro da cidade están cubertas por servizos públicos. O que fixemos foi poñer unha solución concreta enriba da mesa e conseguir que o Concello se comprometa a poñela en marcha tanto en canto logramos que a Xunta de Galicia se involucre na extensión da rede actual, algo que leverá tempo e un investimento equivalente a orzamento municipal dos próximo 20 anos”, explicou Miguel Fernández.
A proposta socialista pretende que o Concello articule un sistema de recollida e baleirado das fosas sépticas directamente nos domicilios ou nas explotacións do rural, facilitando o acceso ao servizo ás familias e evitando que cada propietario teña que buscar individualmente unha empresa para realizar estas operacións.
Fernández destacou ademais o valor político da aprobación da proposición. “É especialmente significativo que o Goberno do PP tivese que reaccionar despois de eu mesmo puxera esta medida sobre a mesa. Primeiro anunciamos a necesidade, despois presentamos a proposta e finalmente conseguimos que se aprobe. Isto demostra que, desde a oposición, seguimos marcando o paso ao Goberno municipal”, afirmou.
O portavoz socialista considera que o recoñecemento da necesidade de crear este servizo por parte do PP evidencia que a proposta respondía a unha demanda real do rural e non a unha cuestión meramente partidista. “Non se trata de quen presenta unha idea, senón de que os veciños e veciñas teñan finalmente o servizo que necesitan. Pero tamén é importante que a cidadanía saiba que, unha vez máis, foi o PSOE quen detectou o problema, formulou unha solución concreta e conseguiu que o Concello a asumise”, engadiu.
O Grupo Municipal Socialista reclama agora que a aprobación non quede nun acordo político sen consecuencias prácticas e que o Goberno de Candia concrete canto antes as condicións de funcionamento do servizo, o sistema de solicitude, os prazos, os medios necesarios e o modelo de prestación para garantir que poida chegar efectivamente ás parroquias.