Comezan as obras da pasarela que conectará os parques Rosalía e Marcos Cela en Lugo

LugoXa
O proxecto, impulsado polo BNG durante o anterior goberno municipal, permitirá recuperar un antigo camiño peonil interrompido pola construción da Ronda da República Arxentina
BNG-Lugo-obras-pasarela-Parque-Rosalía-e-Parque-Marcos-Cela
5 Nov 2026

Comezaron as obras de construción da pasarela peonil sobre a Ronda da República Arxentina, en Lugo, que permitirá conectar os parques Rosalía de Castro e Marcos Cela. O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, achegouse ata as costas do Parque para comprobar o inicio dos traballos e lembrou que o proxecto parte dun acordo plenario presentado pola formación nacionalista en 2018.

Arroxo celebrou o comezo da actuación despois de varias semanas de paralización, malia que o contrato xa estaba adxudicado. Segundo explicou, a infraestrutura permitirá recuperar un antigo camiño tradicional que quedou interrompido coa construción da ronda, xa que actualmente só é posible cruzar esta vía polos seus extremos.

A pasarela facilitará así un percorrido peonil continuo desde o centro da cidade ata o río Miño, conectando Recatelo co parque Marcos Cela e os espazos verdes da contorna. Arroxo destacou que a intervención permitirá "darlle continuidade á cidade" e mellorar os desprazamentos a pé por esta zona.

O proxecto foi elaborado polo BNG desde a área de Infraestruturas durante o anterior mandato e contempla unha estrutura metálica curva de aceiro corten, apoiada sobre piares en forma de V. O deseño busca garantir a resistencia e durabilidade da infraestrutura, reducir as necesidades de mantemento e facilitar a súa integración na contorna.

O portavoz nacionalista lembrou que, mentres se redactaba o proxecto, o anterior Goberno municipal tamén realizou actuacións preparatorias, como o soterramento da instalación eléctrica. Ademais, sinalou que o executivo deixou o procedemento en fase de licitación e avanzou que o BNG fará seguimento dos traballos para comprobar que se executan conforme ao proxecto previsto.

0.19461703300476