Expolugo A Rural volverá ao San Froilán os días 10 e 11 de outubro cunha mostra de razas autóctonas

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa unha nova edición de Expolugo A Rural, a mostra agrogandeira que recupera a tradición gandeira das festas do San Froilán e que se celebrará os días 10 e 11 de outubro. A iniciativa reunirá exemplares de diferentes razas autóctonas galegas, maquinaria clásica, actividades gastronómicas e xornadas técnicas dirixidas a profesionais do sector.
A exposición terá lugar na carpa situada no Cantiño Nemesio Cobreros, xunto ao Vello Cárcere, onde o público poderá coñecer de preto razas como a Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa, Rubia Galega, Ovella Galega, Cabra Galega, Porco Celta, Pura Raza Galega, Galiña de Mos e Can de Palleiro. A mostra contará tamén con exemplares doutras razas, como as vacas Limousin, as ovellas Churra e as cabras Florida, ademais dunha exposición de maquinaria clásica procedente do Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (MUVICLA).
A programación inclúe, ademais, unha degustación de produtos de razas autóctonas o sábado 10 a partir das 13:00 horas, organizada a través do programa "Un Gusto Rural, un Rural Degusto", da Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación. As persoas asistentes poderán probar, ata esgotar existencias, minihamburguesas de vaca Frieiresa, empanada de Galo de Mos, boliños de salchichón de Porco Celta, bolos preñados de chourizo de Cabalo de Pura Raza Galega e croquetas de cordeiro de Ovella Galega.
Expolugo A Rural abrirá as súas portas o sábado 10, de 10:30 a 20:00 horas, e o domingo 11, de 11:00 a 14:30 horas, con entrada gratuíta. A proposta busca achegar o sector agrogandeiro á cidadanía e aos visitantes que se desprazan a Lugo durante as festas, ao tempo que dá visibilidade ao traballo das explotacións e das asociacións que preservan as razas autóctonas.
A vertente profesional da mostra desenvolverase o sábado no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, que acollerá unha xornada técnica na sala Río Miño con cinco relatorios e presentacións de proxectos de interese para as explotacións gandeiras e agrícolas. O programa comezará ás 10:00 horas coa charla "A agricultura ecolóxica, a gran oportunidade", a cargo de Marcos Vázquez, responsable de promoción do CRAEGA.
Ás 10:30 horas presentarase o Proxecto de Testaxe de Machos, con intervencións de Ana Jamardo Cerneira, veterinaria da ADSG ACIVO, e Amaia Santamarta Benito, técnica de OVICA. Media hora despois, ambas as dúas participarán xunto ao gandeiro e asociado a OVICA e ACIVO Alejandro Salvatierra na presentación do proxecto GO PREVINOVIC, centrado no uso da gandaría extensiva ovina e caprina para o control e a prevención dos incendios forestais.
A situación actual da lingua azul, as incidencias, a vacinación e as perspectivas desta enfermidade serán os temas abordados ás 11:30 horas por Ana Jamardo Cerneira. Pola súa banda, Miguel Viña Vázquez, veterinario da ADSG ACIVO, analizará ás 12:00 horas as repercusións das visitas zoosanitarias para as explotacións de pequenos ruminantes e a figura do veterinario de explotación. A xornada rematará ás 12:30 horas coa asemblea da ADSG.
A presentación desta nova edición tivo lugar na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo, nun acto no que participaron o deputado de Rural, Daniel García; o vicepresidente da institución, Efrén Castro; a deputada de Cultura, Iria Castro, e o xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López, acompañados por representantes das asociacións gandeiras Asoporcel, Avimós, Boaga, Ovica e Puraga.
Durante o acto, Daniel García destacou o papel das explotacións e das entidades participantes na conservación das razas autóctonas e na actividade económica e social do rural. O deputado agradeceu tamén a colaboración das asociacións gandeiras e do persoal do Pazo de Feiras na organización e na loxística da mostra, que busca recuperar a orixe agrogandeira do San Froilán e achegar o rural á cidade.