O BNG de Lugo reclama que se complete a instalación das marquesiñas contratadas ante o estancamento do goberno local

LugoXa
A formación nacionalista denuncia que varios meses despois da súa adxudicación, varias das novas estruturas seguen sen colocarse por completo en distintos puntos da cidade
marquesiña-bus-Ramón-Ferreiro-Lugo
8 Nov 2026

O concelleiro do BNG Alexandre Penas volveu poñer sobre a mesa a necesidade de rematar as obras e proxectos que quedaron sen concluír tras o cambio de goberno no Concello de Lugo. O edil referiuse en concreto á instalación de sete novas marquesiñas para o servizo de bus urbano, unha actuación que foi licitada e contratada polo anterior executivo local e que, varios meses despois, segue sen completarse na súa totalidade.

Segundo explicou Penas, a previsión inicial era que estas estruturas quedasen instaladas durante os meses de verán, de xeito que estivesen operativas antes da chegada da tempada de choivas. Porén, a comezos de novembro varias delas aínda non se atopan colocadas por completo.

O concelleiro nacionalista aproveitou para contrapor o que considera dúas formas distintas de xestionar o Concello. Ao seu xuízo, a situación actual evidencia “os dous modelos de goberno desta cidade”, sinalando que mentres o BNG traballou por “mellorando os servizos públicos”, o actual goberno do PP, na súa opinión, “paraliza a cidade”.

Penas insistiu en que este tipo de actuacións, aínda que de dimensións reducidas, reflicten o grao de atención que un goberno municipal presta aos seus veciños. Segundo as súas palabras, “pequenos proxectos coma este demostran a atención que un goberno da ás veciñas e veciños”, engadindo que coa xestión actual se percibe “un abandono total do goberno”.

O proxecto de renovación de marquesiñas, impulsado no seu momento desde a concellería de Infraestruturas Urbanas, contemplaba a colocación de sete novas estruturas en distintos puntos da cidade: a parada da N-640 á altura da pista do aserradoiro en dirección ao centro; a rúa Castelao, número 53; a avenida Infanta Elena, na rotonda con dirección ao centro; a rúa Amizade, número 1, na esquina coa rúa Quiroga; a rúa Montero Ríos, fronte ao número 83; a avenida de Magoi, número 92, fronte ao Gadis; e a avenida Fábrica da Luz, xunto ao Pazo de Feiras.

O obxectivo desta actuación, lembra o BNG, era facilitar o uso do transporte urbano por parte da cidadanía, mellorando ao mesmo tempo as condicións de espera nas paradas antes da chegada do mal tempo. O mal estado dalgunha destas instalacións xa fora denunciado semanas atrás pola Asociación Veciñal As Carballeiras, que reclamou o arranxo urxente da marquesiña situada na avenida Ramón Ferreiro, fronte á Facultade de Formación do Profesorado.

Para Penas, a comparación entre ambas as etapas de goberno resulta clara. O concelleiro sostivo que durante os anos nos que o BNG estivo á fronte da área de Infraestruturas se traballou de xeito continuado atendendo as peticións veciñais e coidando a imaxe da cidade, mentres que, ao seu entender, o actual goberno “non é capaz de conseguir que se completen os proxectos xa adxudicados”.

0.17603898048401