O Campo da Feira de Nadela será renovado cun proxecto de máis de 413.000 euros

O Campo da Feira de Nadela contará cun proxecto de adecuación e dotación de servizos para mellorar as condicións de uso do recinto e conservar os elementos que forman parte da súa configuración histórica. A actuación, cun investimento estimado de 413.469,82 euros e un prazo de execución de seis meses, permitirá renovar diferentes instalacións da carballeira municipal e poñer en valor un espazo que acolle a única feira tradicional que continúa activa actualmente no municipio de Lugo.
O proxecto contempla a construción dunha nova caseta cuberta de 80 metros cadrados de superficie construída e 74,52 metros cadrados útiles. O novo espazo permitirá resgardarse da chuvia e do sol e dará servizo ás persoas que acoden á feira a comer o 15 e o penúltimo día de cada mes. Ademais, poderá ser utilizado pola parroquia para reunións e actividades socioculturais.
A actuación tamén incorpora novas acometidas de auga, saneamento, electricidade e iluminación para mellorar as condicións da zona destinada á preparación e venda de comidas. Deste xeito, o proxecto busca solucionar as carencias actuais do espazo no que se prepara o polbo e dotalo dos servizos necesarios para o desenvolvemento da actividade.
Outro dos puntos da intervención será a renovación dos aseos, que permanecerán na súa localización actual pero ampliarán a súa superficie baixo a cuberta existente. As instalacións incluirán tamén unha unidade accesible.
O proxecto prevé igualmente actuar sobre a drenaxe do recinto mediante a recondución da canalización das augas pluviais para evitar os encharcamentos do campo. As instalacións aéreas de electricidade e telecomunicacións tamén serán soterradas, co obxectivo de retirar o cableado do interior do recinto.
A mellora completarase coa reparación do asfaltado, a nivelación dos accesos aos alpendres e a reconstrución das beirarrúas nas zonas nas que se desenvolverán os traballos.

Conservación dos antigos alpendres
A intervención tamén se centrará nos antigos alpendres do Campo da Feira de Nadela, que serán conservados e reparados. Entre os traballos previstos figuran a solución dos problemas de filtracións e humidades, a limpeza das estruturas das cubertas e da cubrición de lousa, a reparación das goteiras e o pintado dos pavimentos con pintura antideslizante.
Precisamente nestes alpendres está prevista a instalación dunha exposición con fotografías históricas da Feira de Nadela, co obxectivo de poñer en valor a súa traxectoria e o seu papel como espazo de encontro e actividade comercial.
Segundo recolle o propio proxecto, a Feira de Nadela ten a súa orixe oficial en 1865 e é actualmente a única feira tradicional que continúa activa no municipio de Lugo. O documento salienta o seu valor como símbolo do rural lucense e a súa importancia histórica.
A actuación foi abordada nunha reunión entre Candia e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez. O Concello de Lugo rexistrou o pasado venres a solicitude de axuda para executar o proxecto.
Durante o encontro, Gómez destacou o papel das feiras como espazos nos que as persoas produtoras ofrecen os seus produtos á cidadanía e sinalou que a Feira de Nadela mantivo a súa actividade ao longo do tempo e conta cunha importante demanda veciñal. A conselleira defendeu tamén a colaboración entre a Xunta e os concellos para conservar e impulsar este tipo de infraestruturas.
"Cando tomamos a decisión de actuar no Campo da Feira de Nadela non estamos pensando unicamente nunha obra. Estamos pensando en conservar unha parte da nosa historia, da nosa cultura e da identidade do noso rural. A Feira de Nadela leva máis de 160 anos formando parte da vida deste municipio e queremos que siga tendo futuro", sinala a alcaldesa de Lugo, Elena Candia.
QUEIXAS DOS VECIÑOS
A reunión prodúcese aproximadamente un mes despois das queixas trasladadas por varias veciñas e veciños de Nadela polo estado dalgunhas das mesas e bancos de pedra situados no Campo da Feira tras os últimos traballos de limpeza realizados na zona.
Segundo denunciaron os afectados, varios destes elementos apareceron danados e algunhas pedras terían quedado agochadas debaixo das propias mesas. As queixas chegaron semanas despois da celebración da Feira de San Pedro, unha cita tradicional na que estes elementos son utilizados habitualmente pola veciñanza. As persoas afectadas sinalaron daquela que os danos xa foran detectados semanas antes e que non recibiran, segundo a súa versión, unha solución por parte do Concello de Lugo.
Tamén a Asociación Cultural Entre a Néboa trasladara anteriormente críticas polo estado do espazo, ao considerar que a Administración local non atendera as súas peticións para acondicionar a carballeira con motivo da celebración da Feira de San Pedro.
Agora, o proxecto de adecuación abordado pola Xunta e o Concello busca mellorar o recinto e, ao mesmo tempo, preservar os elementos xa existentes no Campo da Feira de Nadela.