O Concello de Lugo prepara cambios no autobús urbano con información en tempo real e pago con tarxeta

O transporte urbano de Lugo afrontará unha serie de melloras nos próximos meses co obxectivo de modernizar o servizo, facilitar o acceso á información e adaptar as liñas ás necesidades da cidadanía. O Concello traballa nun acordo coa empresa concesionaria que contempla desde a incorporación de novas ferramentas dixitais ata a revisión dos percorridos e a renovación da información nas paradas.
Unha das principais novidades será a implantación dun novo sistema de axuda á explotación (SAE), que permitirá actualizar os equipos dos autobuses e avanzar cara a un servizo con información en tempo real. A intención é que as persoas usuarias poidan consultar nunha aplicación móbil e nunha páxina web a localización dos vehículos, os tempos de chegada e os percorridos.
A modernización tamén abrirá a porta ao pagamento dos billetes con tarxeta de débito ou crédito, unha opción que actualmente non está dispoñible. Ademais, estudarase a integración coa tarxeta de transporte da Xunta de Galicia, MOVETE.
O Concello prevé incorporar tamén as liñas urbanas de Lugo a Google Maps, de maneira que sexa máis sinxelo consultar os itinerarios e planificar os desprazamentos. Esta función quedará condicionada aos prazos de Google unha vez que reciba a información necesaria.
Renovación das paradas e cambios nas rutas
A mellora tecnolóxica estenderase ás paradas. O Concello abordará a renovación dos sistemas de información, xa que das 24 pantallas instaladas só oito funcionan actualmente. Tamén se actualizarán os datos dos postes e das marquesiñas, cunha nova imaxe para facilitar a consulta dos horarios e percorridos.
Outra das liñas de traballo será a reorganización de diferentes rutas para responder ás demandas trasladadas pola veciñanza nos últimos anos. Entre as cuestións que se estudarán figuran as frecuencias e as conexións co Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e co cemiterio municipal.
O acordo coa concesionaria tamén recolle necesidades do persoal do servizo, entre elas a garantía de dispoñibilidade de aseos para os condutores ao longo de todas as rutas.
O taxi a demanda aspira a chegar a todas as parroquias rurais
O Goberno local prevé reunirse o 21 de outubro coa Asociación Provincial de Taxistas para abordar a ampliación do servizo de taxi a demanda no rural, tal e como pedía o BNG, impulsor deste servizo no anterior mandato, e o incremento do número de licenzas.
Na actualidade, este sistema funciona nas parroquias de Carballido e Labio, pero o obxectivo municipal é estender progresivamente a cobertura ata chegar ao conxunto do territorio.
A primeira fase priorizará as parroquias máis próximas á cidade e, especialmente, as 13 que non dispoñen de servizo de autobús: Pedreda, Tirimol, Meilán, Adai, Orbazai, Piugos, Cuiña, San Mamede, San Xoán do Alto, O Veral, Esperante, Ombreiro e Saa.
A xuntanza cos taxistas servirá para analizar como desenvolver esta ampliación e abordar tamén a concesión de novas licenzas, co propósito de mellorar as alternativas de mobilidade para a poboación das zonas rurais.