O PSOE propón conectar As Gándaras coa A-6 e mellorar a seguridade do polígono

LugoXa
A iniciativa que levará ao Pleno de Lugo inclúe unha nova rotonda e o desbloqueo do aparcadoiro vixiado para camións previsto na rúa Aller Ulloa
reunion-poligono-As-Gandaras-PSOE-Lugo
20 Oct 2026

O Grupo Municipal Socialista de Lugo presentará no próximo Pleno unha proposición con tres actuacións para mellorar as infraestruturas do polígono industrial das Gándaras. As medidas buscan reforzar as conexións viarias, aumentar a seguridade no interior do recinto e ampliar os servizos para o transporte de mercadorías.

A iniciativa recolle demandas trasladadas pola Asociación de Empresarios do Ceao e das Gándaras (AEPOCAG) nas reunións mantidas por Miguel Fernández e o seu equipo durante a elaboración da estratexia Lugo 10.

“As Gándaras é un dos grandes motores económicos da nosa cidade e temos que garantir que as súas infraestruturas acompañen o crecemento das empresas”, afirmou o concelleiro socialista Jorge Bustos, que defendeu a necesidade de mellorar as comunicacións, a seguridade e os servizos para favorecer a competitividade empresarial, atraer investimentos e crear emprego.

A primeira proposta reclama á Xunta de Galicia que impulse unha conexión entre o polígono das Gándaras e a autovía A-6 a través da Campiña. Segundo os socialistas, esta infraestrutura facilitaría os accesos ao recinto industrial, reduciría os tempos de desprazamento e melloraría o transporte de mercadorías.

Bustos pediu ao Concello que asuma un papel activo ante o Goberno galego para avanzar nesta actuación. “O Concello debe defender esta infraestrutura diante da Xunta e traballar para que deixe de ser unha demanda pendente”, sinalou.

A segunda medida consiste en construír unha rotonda na intersección das rúas Durán Loriga e María Barbeito, onde coinciden os desprazamentos vinculados á actividade industrial e a circulación de vehículos pesados.

O PSOE considera que esta actuación permitiría ordenar mellor o tráfico, reducir situacións de risco e facilitar unha circulación máis segura e fluída para transportistas, traballadores e demais usuarios do polígono.

A terceira actuación busca desbloquear e completar a contratación do aparcadoiro vixiado para camións previsto na rúa Aller Ulloa, unha iniciativa impulsada polo anterior Goberno municipal que aínda está pendente de entrar en funcionamento.

O proxecto contempla un espazo seguro para estacionar vehículos pesados, con posibilidade de pernocta e servizos de vixilancia, co obxectivo de mellorar as condicións de traballo dos transportistas e protexer os vehículos e as mercadorías.

“Estamos falando dun proxecto que xa impulsamos cando tiñamos responsabilidades de goberno e que responde a unha necesidade real do sector do transporte”, afirmou Bustos, que pediu ao Goberno de Elena Candia completar os trámites pendentes.

0.15236520767212