Unhas 4.300 parcelas da zona rural de Lugo volverán ser consideradas solo rústico

Arredor de 4.300 parcelas situadas nas áreas de expansión non ordenadas do municipio de Lugo recuperarán a consideración de solo rústico, o que permitirá corrixir a súa tributación e devolver aos propietarios as cantidades abonadas de máis no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) durante este ano. A medida, que se aplicará mediante un procedemento simplificado de valoración colectiva por parte da Dirección Xeral do Catastro a partir do mes de setembro, terá efectos retroactivos.
Este foi o principal anuncio realizado pola alcaldesa de Lugo, Elena Candia, que compareceu xunto ao concelleiro de Urbanismo, Ramón Cabarcos, tras a reunión da comisión de seguimento do convenio entre o Concello e a Dirección Xeral do Catastro.
Segundo explicou a rexedora, esta decisión deriva das recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre os procedementos simplificados de valoración colectiva, que obrigan a retrotraer as actuacións realizadas nas áreas de expansión do núcleo rural sen ordenación predeterminada. Como consecuencia, estas parcelas deixarán de tributar como solo urbano, unha situación que, segundo indicou, prexudicaba aos propietarios ao obrigalos a pagar impostos propios dun solo que non lles outorgaba os correspondentes dereitos urbanísticos.
Candia lembrou que o Partido Popular xa denunciara esta situación durante o anterior mandato municipal. "O importante non é ter razón; o importante é solucionar os problemas dos veciños. Desde a oposición advertimos de que era unha inxustiza obrigar aos propietarios a pagar como solo urbano por uns terreos que non tiñan os dereitos propios desa clasificación. Hoxe podemos anunciar que esa situación se vai corrixir", afirmou.
A alcaldesa explicou que, coa aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), máis de 15 millóns de metros cadrados de solo de núcleo rural quedaron incluídos como áreas de expansión. Estas parcelas pasaron a tributar como urbanas malia que non podían edificarse directamente, xa que precisaban dun instrumento de desenvolvemento urbanístico previo.
Neste sentido, diferenciou dúas situacións. As parcelas situadas en áreas de expansión ordenadas manterán a consideración de solo urbano ao contar con licenza directa e poder exercer os dereitos edificatorios establecidos pola normativa. Pola contra, as aproximadamente 4.300 parcelas localizadas nas áreas de expansión non ordenadas recuperarán a clasificación de solo rústico, ao considerar Catastro que nunca deberon perder esa condición mentres non existise un desenvolvemento urbanístico efectivo.
Candia lembrou tamén que o PP presentara alegacións en 2024 para introducir bonificacións aos propietarios afectados tras a modificación dos tipos de gravame aprobada polo anterior Goberno. "Sempre defendemos que os veciños tiñan que pagar polo que realmente tiñan e non por unhas expectativas urbanísticas futuras. Hoxe damos un paso importante para reparar esa situación", sostivo.
Finalmente, a alcaldesa avanzou que o Concello continuará colaborando coa Dirección Xeral do Catastro para que esta actualización quede incorporada ao padrón do IBI de 2027 e evitar que esta situación se repita. "Corriximos unha inxustiza fiscal que afectaba a multitude de propietarios da nosa zona rural. Os veciños pagarán polo que realmente teñen e non por unhas expectativas urbanísticas que nunca chegaron a converterse en dereitos", concluíu.