A Federación Lucus Augusti reclama un plan integral para os terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti reclama un plan integral para os terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón que dea resposta ás demandas formuladas polos residentes do barrio, ao igual que o pediu o PSOE. A entidade considera necesario que o futuro aproveitamento destes espazos non se limite á construción do centro de saúde e inclúa tamén outras dotacións sociais, asistenciais e deportivas.
Segundo explica a federación, representantes da entidade e da Asociación Veciñal Porta de Lugo participaron en varias asembleas celebradas nos últimos anos, nas que, aseguran, os veciños trasladaron as súas peticións. Entre as actuacións que reclaman figuran un centro de saúde, unha escola infantil, un centro social, unha residencia de maiores e centro de día e unha pista polideportiva.
A entidade veciñal considera importante a creación do centro de saúde, pero defende que debe formar parte dun proxecto máis amplo para o conxunto dos terreos. Ao seu xuízo, limitar a actuación sanitaria podería deixar o resto da parcela sen un uso definido e provocar o seu deterioro progresivo, cun impacto negativo sobre o barrio e a convivencia veciñal.
A Federación Lucus critica neste sentido a posición da alcaldesa de Lugo, Elena Candia, á que acusa de non asumir as reivindicacións trasladadas polos residentes do Sagrado Corazón. A entidade sostén que a rexedora debería reclamar ante a Xunta a execución do conxunto das dotacións que, segundo afirma, demanda o barrio.
"Estamos profundamente decepcionados coa actitude da Sra. Candia cara aos veciños do Sagrado Corazón", sinala a federación, que considera que a alcaldesa está priorizando os intereses da Xunta e do seu partido fronte ás peticións veciñais.
A organización anuncia que continuará defendendo as demandas do barrio e que, xunto cos veciños, estudará novas accións para reclamar as dotacións propostas. Entre elas contempla a convocatoria de mobilizacións, que asegura que manterá durante o tempo que sexa necesario ata conseguir un plan integral para os terreos do antigo colexio.