O PSOE reclama a Candia unha folla de ruta para o Museo da Romanización

GaliciaXa | LugoXa
Miguel Fernández pide á alcaldesa que aclare se manterá os fondos previstos para San Fernando, defenderá o 2 % Cultural e reclamará á Xunta o financiamento necesario
cuartel-vello-Museo-da-Romanización-Praza-Ferrol-Lugo
17 Aug 2026

O Grupo Municipal Socialista reclamou que o Goberno local de Lugo aclare cal é a súa folla de ruta para facer realidade o Museo da Romanización de Lugo, un proxecto que a cidade leva anos agardando e para o que o anterior Executivo municipal deixou preparado un proxecto, recursos económicos e a candidatura ao programa estatal do 2 % Cultural.

O voceiro do PSOE no Concello de Lugo, Miguel Fernández, reclamou respostas concretas sobre o futuro do inmoble e preguntou se o actual Goberno municipal manterá os fondos previstos para San Fernando, continuará co proxecto do Museo da Romanización, defenderá activamente a candidatura ao 2 % Cultural e reclamará á Xunta de Galicia que asuma a parte do financiamento que lle corresponde.

Fernández advertiu de que Lugo “non pode permitirse volver atrás nin empezar outra vez de cero” despois dos anos de traballo destinados a desbloquear o futuro do Cuartel de San Fernando. Neste sentido, pediu a Candia que aproveite o traballo xa realizado e que non cambie novamente as prioridades para o edificio.

O socialista lembrou que o Concello de Lugo adquiriu o Cuartel de San Fernando ao Ministerio de Defensa por arredor de 2,4 millóns de euros e que posteriormente asumiu a conservación do inmoble. Ademais, o anterior Goberno municipal deixou preparado un proxecto cun investimento superior aos 15 millóns de euros, presentou en febreiro a candidatura ao 2 % Cultural para optar a financiamento de ata o 75 % da actuación e incluíu nos Orzamentos municipais de 2026 os recursos necesarios para afrontar a participación do Concello.

“Candia recibiu un proxecto preparado, un expediente presentado e recursos municipais previstos. Por iso hai unha pregunta que debe responder: que vai facer con eses cartos? Vai mantelos para San Fernando ou vai destinalos a outras prioridades?”, cuestionou Fernández.

O voceiro socialista reclamou tamén que o novo Goberno municipal abra unha rolda de diálogo co tecido asociativo, cultural e patrimonial de Lugo que leva anos defendendo a creación do Museo da Romanización. Segundo Fernández, existe unha demanda social clara para que o proxecto avance e o Concello debe escoitar ás persoas e colectivos que mantiveron viva esta reivindicación.

“Antes de modificar o que está previsto ou tomar decisións sobre San Fernando, o mínimo é sentarse co tecido asociativo, escoitar e explicar cal é a folla de ruta do Goberno”, sinalou.

Fernández tamén reclamou un seguimento activo da candidatura presentada ao programa estatal do 2 % Cultural, tanto desde o punto de vista administrativo como político. Segundo explicou, esta vía de financiamento foi impulsada polo anterior Goberno municipal ante a falta de resposta da Xunta, polo que non debe servir para substituír o compromiso económico da Administración autonómica.

“O 2 % Cultural foi unha solución que buscamos nós ante anos de falta de resposta da Xunta. Non acudimos ao Estado para liberar á Xunta das súas responsabilidades. Fixémolo porque non estabamos dispostos a quedar parados esperando por ela”, afirmou.

Neste sentido, defendeu que o resultado da convocatoria estatal non debe determinar o futuro do Museo. Se Lugo obtén os fondos, permitirá avanzar no proxecto, pero se finalmente non os consegue, Fernández considera que a Xunta deberá asumir un compromiso económico suficiente para facer posible a rehabilitación do Cuartel de San Fernando.

O socialista puxo tamén o foco no papel da Xunta de Galicia e lembrou que foi a propia Administración autonómica, durante o Goberno bipartito, a que impulsou inicialmente o proxecto do Centro de Interpretación e Museo da Romanización de Galicia en San Fernando, antes de que quedase aparcado coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta.

Tamén lembrou que os 500.000 euros incorporados aos Orzamentos autonómicos de 2025 para San Fernando chegaron tras unha emenda socialista e que posteriormente a Xunta desviou a metade desa cantidade cara a outras finalidades.

Fernández reclamou, polo tanto, que Elena Candia defenda diante da Xunta un compromiso económico “serio, suficiente e plurianual” para o proxecto e advertiu de que a posición do Goberno municipal será tamén unha forma de comprobar se está disposto a defender os intereses de Lugo fronte a unha Administración gobernada polo seu propio partido.

“Un Goberno municipal está para defender os intereses da súa cidade. Non os intereses do seu partido. Candia ten que decidir se primeiro está Lugo ou primeiro está o Partido Popular”, incidiu.

UN PROXECTO "ESTRATÉXICO" PARA LUGO

O voceiro socialista destacou ademais que o Museo da Romanización debe entenderse como un proxecto estratéxico para Lugo e non simplemente como a rehabilitación dun edificio histórico. A cidade conta coa Muralla Romana, declarada Patrimonio Mundial, un importante patrimonio arqueolóxico e numerosas pezas que poderían ser conservadas, investigadas e divulgadas neste espazo.

Segundo Fernández, o Museo permitiría reforzar a conservación e divulgación do patrimonio romano, pero tamén potenciar a proxección cultural e turística de Lugo e a actividade económica vinculada á romanización.

“Temos unha Muralla Patrimonio Mundial, un patrimonio arqueolóxico extraordinario e miles de pezas que merecen ser conservadas, investigadas e mostradas nas condicións adecuadas. Lugo ten todo para converterse na gran referencia do noroeste peninsular no estudo e divulgación da romanización”, afirmou.

Fernández concluíu reclamando ao Goberno de Candia que se posicione sobre o futuro de San Fernando, manteña os recursos municipais previstos, escoite o tecido asociativo e defenda a candidatura ao 2 % Cultural, ademais de esixir á Xunta o financiamento necesario.

“Se o Museo avanza, alegrarémonos porque será bo para Lugo. Pero non imos esquecer como chegamos ata aquí: porque a cidade non desistiu, porque o tecido asociativo mantivo viva a reivindicación e porque nós seguimos traballando e buscando solucións mentres a Xunta mantiña o proxecto aparcado”, afirmou.

UN TEMA RECURRENTE

O debate sobre o futuro do Museo da Romanización tamén se trasladou nos últimos meses ao Parlamento de Galicia e ao ámbito político autonómico. O pasado mes de xullo, a deputada socialista Lara Méndez reclamou á Xunta que deixe de frear un proxecto que, segundo denunciou, leva máis dunha década sen avances significativos e solicitou que sexa declarado proxecto industrial estratéxico para axilizar os trámites, mellorar a coordinación entre administracións e garantir o compromiso autonómico coa súa execución.

Tamén en abril, antes da chegada do PP ao Goberno local mediante unha moción de censura apoiada polo pacto entre os populares e a concelleira tránsfuga María Reigosa, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciara en Lugo o bloqueo “constante” do PP aos grandes proxectos da cidade e sinalara o Museo da Romanización como un dos exemplos máis claros da “discriminación” da Xunta cara a Lugo. Besteiro comparecera xunto ao daquela alcalde, Miguel Fernández, diante do Cuartel de San Fernando para reclamar avances nun proxecto que, segundo o Concello, leva anos preparado.

0.12616300582886