O tráfico en Fontiñas pon sobre a mesa a necesidade de novas fórmulas de aparcadoiro en Lugo

LugoXa
O BNG considera insuficientes os tres aparcadoiros anunciados polo PP e lembra a súa proposta de construír un de dous niveis na rúa Primavera, mentres que arquitectos lucenses avalan a viabilidade desta fórmula, implantada noutras cidades
portada-parcela-aparcadoiro-rua-Primavera-Fontiñas-Lugo
4 Nov 2026

A falta de aparcadoiro en Fontiñas volve centrar o debate sobre as alternativas para aumentar as prazas de estacionamento en Lugo. Trátase dunha zona que rexistra un importante volume de tráfico durante as horas punta e onde existe unha elevada demanda de aparcadoiro por parte dos residentes.

Neste contexto, o Goberno local do PP anunciou a creación de tres aparcadoiros disuasorios na rúa Primavera, na avenida Vila Verde e na Ronda Xosé Castiñeira, na contorna do Conservatorio de Música. A Xunta de Goberno Local aprobou esta actuación, que conta cun orzamento conxunto de 273.578,56 euros, IVE incluído, e un prazo estimado de execución de seis meses. As prazas distribuiranse en tres puntos: 27 na rúa Primavera, 18 na avenida Vila Verde —unha delas reservada para persoas con mobilidade reducida— e 58 na Ronda Xosé Castiñeira.

A medida recibiu as críticas do BNG, que considera o proxecto "pouco ambicioso". A formación lembra que xa en outubro de 2025, cando estaba á fronte da Concellería de Infraestruturas, propuxera construír un aparcadoiro de dúas alturas nunha parcela da rúa Primavera, actualmente utilizada de maneira desordenada como estacionamento, con capacidade para preto de 100 vehículos. A actuación estaba formulada tras a posta en valor do Carril das Flores, xa completada, e aproveitaba o desnivel existente entre a rúa Primavera e o Carril das Hortas para optimizar o espazo. O proxecto anunciado agora polo PP recolle parcialmente esa localización, pero contempla unicamente 27 prazas.

A posibilidade de apostar por aparcadoiros en altura tamén conta co respaldo de arquitectos de Lugo, que consideran viable este tipo de construcións e ven nelas unha alternativa para aumentar a capacidade de estacionamento sen necesidade de ocupar grandes superficies de solo. "En vez de construír un edificio con pisos, constrúese para estacionar vehículos", explican, ao tempo que valoran positivamente esta fórmula, que xa se implantou noutras cidades españolas.

Un dos referentes é Bilbao, onde o Concello dispón dunha rede de edificios municipais de aparcadoiro destinados especificamente a residentes. Estes estacionamentos contan cun réxime propio de adxudicación e diferéncianse dos aparcadoiros convencionais de rotación. O modelo permite reservar prazas para as persoas que viven nas zonas de influencia, aínda que non se trata dun sistema gratuíto, senón de concesións suxeitas ás condicións municipais.

Tamén San Sebastián conta con aparcadoiros municipais con prazas en concesión e criterios de prioridade para residentes. En barrios como Gros, o aparcadoiro de Zuhaizti dispón de 357 prazas para residentes, mentres que o de San Francisco Javier conta con outras 229. Son exemplos de como a planificación municipal pode incorporar a demanda de estacionamento da veciñanza como un criterio específico na xestión destas infraestruturas.

Pola súa banda, Torrelavega ofrece unha referencia diferente no relativo á gratuidade. A cidade cántabra puxo en funcionamento en 2025 o aparcadoiro da Carmencita, con 654 prazas distribuídas en catro plantas e acceso gratuíto para a cidadanía. O investimento anunciado ascendeu a 4,6 millóns de euros. Ademais, conta con outro aparcadoiro gratuíto de 223 prazas na contorna do Mercado Nacional de Gando.

Estes modelos presentan diferenzas en canto a financiamento, réxime de acceso e titularidade, pero amosan distintas posibilidades para aumentar a oferta de estacionamento mediante edificios de varias plantas e sistemas de prioridade para residentes.

0.1501898765564